AAsociación Boa Vida presentaba este martes 5 a súa campaña de Nadal 2024 baixo o lema 'Agasalla Ilusión, doa recordos', unha iniciativa que busca achegar a maxia destas datas a milleiros de nenos e nenas en situación de vulnerabilidade.
A campaña estrutúrase en dúas fases. A primeira, denominada "Urxente", desenvolverase desde este martes ata o 9 de decembro.
"Precisamos que a cidadanía colabore nesta primeira fase para poder clasificar e acondicionar os xoguetes axeitadamente", explica Pepa Vázquez, responsable da asociación que loita por reducir a desigualdade.
Piden que se entreguen os os xoguetes nos Puntos de Recollida Solidaria que se habilitarán en empresas, asociacións e centros educativos, ademais das dúas tendas de Boa Vida en Pontevedra, situadas na Rúa da Seca e na de Santa Clara.
A segunda fase estenderase ata o 4 de xaneiro. Neste caso tamén fan a invitación a que as persoas adquiran os seus agasallos nestas tendas solidarias de cara ás celebracións de Nadal.
"Este ano marcámonos un reto importante: conseguir 7.000 xoguetes, 500 máis que o ano pasado", sinala Pepa Vázquez.
A asociación fai un chamamento especial para que os xoguetes doados estean en bo estado.
"Os rapaces merecen recibir xoguetes completos, sen pezas rotas ou que falten", destaca Maica Beltrán, integrante do colectivo
A campaña inclúe ademais dúas citas destacadas:
Un Magosto Asociativo este sábado 9 de novembro na praza da Pedreira, a partir das 18:00 horas.
A participación no programa "Quen anda aí?" da TVG o vindeiro 12 de novembro onde queren contar coa participación da cidadanía incribiíndose nas tendas.
'Agasalla Ilusión, doa recordos' non só busca fomentar a solidariedade, senón tamén promover a reutilización e o consumo responsable.
"Queremos crear unha conciencia social sobre a importancia de dar unha segunda vida aos xoguetes, reducindo o impacto ambiental e axudando a quen máis o necesita", conclúe Vázquez.
As persoas interesadas en colaborar poden facelo doando xoguetes, difundindo a campaña co cancelo #AgasallaIlusión, participando como voluntaria ou mercando nas tendas solidarias da asociación.