Agárdase unha ocupación do 85% en vivendas turísticas durante esta Semana Santa

Sanxenxo
12 de abril 2022

Segundo Aviturga, a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, todas as cidades rozarán o 100% de ocupación e a influencia das variantes do Camiño de Santiago tamén dispara a demanda nos municipios que percorre

Interior de vivenda turística
Interior de vivenda turística / AVITURGA

A Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga) mostra a súa satisfacción ante as previsións de ocupación destes espazos durante esta semana Santa. Segundo indica a presidenta Dulcinea Aguín todas as cidades van atoparse preto do 100% de ocupación e, ademais, o Camiño de Santiago potenciou todos aqueles municipios polos que se fai o percorrido de peregrinación.

As reservas xa concretadas sitúan os índices nun 85% de media nas catro provincias de Galicia nestas vivendas de uso turístico entre o xoves e o domingo. Unha vez superadas as restricións máis duras establecidas con motivo da pandemia, Aviturga detectou unha importante antelación e previsión organizativa para estes días, con reservas xa establecidas a finais de 2021.

Dulcinea Aguín indica que se ofrecen vivendas en todos os rangos de prezos para permitir a presenza de diferentes sectores de poboación. Asegura tamén que o Ano Xacobeo favorece que os turistas aposten por pasar a Semana Santa en terras galegas.

Puntos como Caldas de Reis, destino próximo ao Camiño, superará o 75% de ocupación mentres que Sanxenxo e Poio alcanzarán o 80%. A procedencia dos visitantes é principalmente de ámbito nacional, principalmente do norte (Asturias, Cantabria e País Vasco); Castela-León e, sobre todo, de Madrid. Este turismo chega a Galicia en coche ou en tren e adoitan ser familias de tres ou catro integrantes. 

Este colectivo tamén detecta "excelentes previsións" para a tempada de verán, cun nivel medio de reservas, tres meses antes, que ascende ao 50%. Por este motivo, Aguín móstrase tamén moi optimista para a tempada vacacional durante os próximos meses.