Agardan materializar no primeiro semestre de 2023 a transmisión da titularidade do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería

Pontevedra
11 de outubro 2022

A Deputación de Pontevedra e a Xunta mantiveron este martes a primeira xuntanza no marco da Comisión mixta de seguimento do Protocolo xeral de intencións para a transmisión da titularidade do Pazo de Lourizán e da Escola de Cantería á Comunidade Autónoma de Galicia  

Comisión Mixta de Transferencias
Comisión Mixta de Transferencias /

A Deputación de Pontevedra e a Xunta mantiveron este martes a primeira xuntanza no marco da Comisión mixta de seguimento do Protocolo xeral de intencións para a transmisión da titularidade do Pazo de Lourizán e da Escola de Cantería á Comunidade Autónoma de Galicia.  

A Comisión Mixta de Transferencias quedou integrada por catro persoas: pola Deputación están Carlos Cuadrado, secretario xeral, e Martín Giménez, coordinador de Réxime Interno; mentres que pola Xunta toman parte a directora xeral da Administración Local, Natalia Prieto e o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Manuel Vila. A presidencia da comisión será rotatoria entre as dúas Administracións para avanzar na cesión co obxectivo de materializala no primeiro semestre de 2023.

Neste encontro constitutivo da Comisión mixta nomeáronse os dous grupos de traballo responsables da transmisión de cada un dos centros. Ademais, estableceuse o cronograma da cesión, que inclúe os recursos persoais e materiais precisos para as respectivas actividades.

A Deputación e a Xunta, que se reuniron en formato presencial e telemático, decidiron tamén que a Comisión Mixta manterá xuntanzas periódicas mensuais, sen prexuízo de que os pasos máis relevantes poidan abordarse, se é necesario para cumprir co calendario previsto, con convocatorias extraordinarias.

Avánzase así no desenvolvemento do protocolo asinado pola Deputación e a Xunta o pasado xullo, no que se manifestaba a intención de impulsar os instrumentos xurídicos máis axeitados para levar a cabo a cesión.

A titularidade do Pazo de Lourizán vaille permitir á Xunta traballar na recuperación dun espazo de alto valor histórico e natural. Pola súa banda, o traspaso da titularidade da Escola de Cantería de Poio permitirá impulsar as ensinanzas de Formación Profesional na provincia de Pontevedra para darlles resposta ás necesidades de alumnado e empresas.