Afectados polo parón das obras do No do Pino mobilízanse ante Fomento

Pontevedra
14 de febreiro 2013

Empresarios e veciños afectados pola paralización das obras do Nó do Pino mobilizáronse esta mañá ante a delegación do Ministerio de Fomento en Pontevedra. No caso das empresas subcontratadas esixen o cobro de 1,8 millóns de euros que lles debe a adxudicataria OCA S.A e os veciños piden que se conclúan os traballos na zona, especialmente a canalización do río Gafos e a ponte de San Brais

Afectados pola paralización das Obras Nudo do Pino
Afectados pola paralización das Obras Nudo do Pino / PontevedraViva

Empresarios e veciños afectados pola paralización das obras do Nó do Pino mobilizáronse esta mañá ante a delegación do Ministerio de Fomento en Pontevedra. No caso das empresas subcontratadas esixen o cobro de 1,8 millóns de euros que lles debe a adxudicataria OCA S.A e os veciños piden que se conclúan os traballos na zona, especialmente a canalización do río Gafos e a ponte de San Brais.

Apenas eran unha treintena de persoas, unha circunstancia que lamentaron "aquí somos catro persoas pero nas reunións ven moita máis xente ca hoxe e non pode ser que os empresarios movan tan pouca xente", afirmou Pablo Carro da asociación de veciños de Salcedo.

"Os nosos ata son intereses contrapostos porque os veciños queremos que rematen as obras canto antes e os empresarios queren ter todo paralizado ata cobrar os seus cartos", sinalou este portavoz vecinal.

Pola súa banda, os empresarios trasladaron a súa dramática situación xerada polo impago con centos de despedimentos, peches de empresas, embargos e vivendas hipotecadas, "cremos que Fomento logo de OCA é o responsable do problema, queremos presionarlles para que nos informen e solucionen a débeda", apuntou José Veiga en nome dos empresarios.

"Por que lle seguen adxudicando obras a unha empresa que non paga?, quen está detrás desta firma? Isto non é normal"

"Presentamos unha querella polo criminal e non nola admitiron a trámite, estamos agora cun recurso. Todo isto é moi raro. Por que lle seguen adxudicando obras a unha empresa que non paga?, quen está detrás desta firma? Isto non é normal, adxudican obras con baixas temerarias", sinalou este voceiro.

Durante a concentración sumouse un empresario afectado neste caso polos impagos de OCA "desde fai un ano" nas obras da focha aberta no 2006 no quilómetro 82 da estrada N-541 en Viascón (Cotobade).

As mobilizacións repetiranse nos próximos días e non descartan efectuar algún corte de tráfico na Avenida de Vigo.