Afectados polo incendio en Vilagarcía: "Esta noite pensei que perdía o traballo e a casa"

Umia
05 de agosto 2022
Actualizado: 14:06

O incendio que calcinou polo menos 350 hectáreas de terreo en Caldas e Vilagarcía deixa un regueiro de afectados. Numerosos veciños tiveron que ser desaloxados e xa deixou damnificados como unha chatarrería que ardeu durante a noite. "Estiveron os bombeiros aqui, pero tiveron que irse porque os rodeou o lume", rememoran

Medios de extinción no incendio de Caldas e Vilagarcía
Medios de extinción no incendio de Caldas e Vilagarcía /

O incendio que calcinou polo menos 350 hectáreas de terreo en Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa deixa un regueiro de afectados alá por onde pasa. Numerosos veciños tiveron que ser desaloxados durante a madrugada, despois de que o incendio iniciado na parroquia caldense de Saiar se expandise cara á zona de Vilagarcía, e xa deixou damnificados tanto a nivel persoal como laboral.

Así, o polígono de O Pousadoiro permaneceu pechado durante a mañá porque as principais empresas dicidiron non abrir e tamén case 5 quilómetros da estrada PO-305 en ambos os dous sentidos, entre Caldas e Vilagarcía. Están afectadas a fábrica de DS Smith e unha conserveira, aínda que a patir das doce do mediodía empezaron a volver á actividade. 

Un traballador da conserveira Vikinga atopouse co dobre drama de que esta noite estivo en risco de perder o lugar no que vive e tamén no que traballa. "Esta noite pensei que perdía o traballo e a casa", lamentaba, en alusión a que traballa no polígono e vive a moi pouca distancia.  

Entre os afectados tamén figura unha chatarrería que ardeu durante a noite. O propietario relataba este venres a PontevedraViva que perderon maquinaria e un vehículo Audi e relatou que a voracidade das lapas fixo que avanzase con moita rapidez. "Estaba o lume lonxe pola tarde e en nada o tiñamos encima", relata. 

José María González Araújo, concelleiro de Seguridade Cidadá de Vilagarcía, relatou na mañá deste venres que, nestes momentos, "preocupa o vento", que impide controlar o lume. Segundo os datos que facilita, en Castroagudín foi necesario desaloxar durante a noite catro vivendas, pero os donos xa puideron regresar.

Durante a madrugada vivíronse momentos moi tensos. "Estiveron os bombeiros aquí, pero tiveron que irse porque os rodeou o lume", lembra este un da zona de Castroagudín, en Vilagarcía de Arousa. 

En vela pasaron a noite os veciños da aldea de Castroagudín e A Pillosa. "A noite foi terrible, un non vivir. Salvamos as casas de misericordia, axudando uns aos outros con mangueiras", lembraba esta mañá unha veciña da Pillosa mentres refrescaba o terreo xa queimado e fumarento cunha mangueira conectada a un depósito de auga sobre un tractor que conducía o seu marido. 

"A xente está un pouquiño asustada, houbo persoas que tiveron que marchar das casas e iso afecta. As tres dá mañá había un vento que era moito e iso aviva máis ou lume", explica un residente en Castroagudín, que tamén foi testemuña do estrondo que provocou en plena madrugada a explosión dunha tubaxe de gas.

Nunha das tabernas do núcleo, a encargada daba boa mostra do sentir de toda a veciñanza. "Estivo o lume toda a noite polas casas darredor. Viñeron os bombeiros para regar arredor das casas para que non entrasen as lapas e estivemos mirando toda a noite para que non chegaran. Ao final chegou pero non afectou a ningunha casa, aínda que tiveron que desaloxar algunha", resume a traballadora unha das noites máis longas que lembra.

A Xunta de Galicia activou o nivel 2 de emerxencia pola proximidade do incendio aos núcleos de Castroagudín, en Vilagarcía, e Porteliña, en Caldas. Nesta chatarrería de Castroagudín relatan que o tentaron, pero non puideron defender a súa propiedade. "Facía moitísimo vento, non puidemos defender nada", di un dos donos.

"Non entendo que pasa pola cabeza da xente, debe haber moito negocio nisto"

A madrugada foi dura e o temor aumentou polo avance rápido das lapas, o vento e as explosións que se escoitaban na zona que estaba en lapas, "Pola noite escoitábanse explosións non sei de onde", relatan desde Castroagudín. 

Co lume aínda sen control e avanzando tanto cara a Vilagarcía como cara a Caldas, os afectados pregúntanse a motivación que poden ter os incendiarios para plantar lume. "Non entendo que pasa pola cabeza da xente, debe haber moito negocio nisto", lamentan

Na chatarrería de Castroagudín agardaban na mañá deste venres a chegada dunha cisterna para extinguir as lapas e avaliar os danos, pendentes todos de como evoluciona o incendio, que a pesar de empezar en Caldas agora afecta máis a Vilagarcía.

En Vilagarcía, o alcalde, Alberto Varela, suspendeu a súa axenda do día, non asistirá á apertura de Expoferta nin tampouco á da exposición sobre a Festa dá Auga.