Afectados polas preferentes en Marín: "Estamos loitando para que os nosos fillos poidan comer"

Marín
20 de xuño 2013

Dende a entrada por Cantodarea ata a saída de Seixo. Percorrer Marín significaba este xoves cruzarse cun grupo de afectados por preferentes e subordinadas e cos berros de protesta elixidos para a xornada: "mans arriba, isto é un atraco, queremos os nosos cartos", "aí enfrente estafan á xente" e "non pode ser, nós a traballar e eles a roubar".

Dende a entrada por Cantodarea ata a saída de Seixo. Percorrer Marín significaba este xoves cruzarse cun grupo de afectados pola comercialización de participacións preferentes e obrigas subordinadas da plataforma de Marín-Pontevedra e cos berros de protesta elixidos para a xornada: "mans arriba, isto é un atraco, queremos os nosos cartos", "aí enfrente estafan á xente" e "non pode ser, nós a traballar e eles a roubar".

Divididos en grupos, percorreron todas as oficinas bancarias de NCG Banco do municipio, que pecharon as súas portas á súa chegada e non atenderon a máis clientes ata que cesaron as súas protestas e se dirixiron á seguinte parada.

Por primeira vez dende hai meses, a Seixo. "Vimos aquí porque hai xente da plataforma que leva un ano e catro meses na rúa e que empezaron eles sós diante desta oficina e agora seguen sen cartos", explicou unha das voceiras, Fátima Entenza.

Segundo explicou, non é moi elevado o número de afectados de Seixo, pero "si xente moi loitadora, que leva máis dun ano na rúa e non os chamaron para arranxar nada. Non hai dereito e non se van render". En canto aos afectados en xeral, explicou o malestar existente na plataforma porque "hai xente á que chamaron para a arbitraxe para arranxar o das preferentes, pero non saben nada das subordinadas que tamén teñen".

En Seixo e en todas as protestas do resto de Marín os afectados reiteraron a súa preocupación por non saber aínda as consecuencias dos trocos en caso de que os afectados queiran acudir á vía xudicial para recuperar todo o seu diñeiro. Para abordar este tema, celebrarán unha asemblea o próximo luns 24 de xuño na biblioteca municipal de Marín.

Na sucursal de Novagalicia Banco de Cantodarea, o grupo de afectados alí concentrados alertaron de que tras tantos meses de protestas "hai familias que están a pasar fame" por ter os seus aforros atrapados en preferentes e subordinadas. Tomás, veciño de Poio, explica que "aquí estamos, enganados e sen os nosos aforros, seguiremos loitando para que os nosos fillos poidan comer".

"Estamos reclamando simplemente o noso. A ver por que chaman a uns e a outros non. Estamos diante das caixas porque é onde temos que facer presión para recuperar os nosos cartos. Primeiro queremos recuperar os cartos e despois que vaian todos á cárcere porque os imos denunciar a todos", reclama outra afectada, Carmen.