Unha trintena de afectados por preferentes e subordinadas, pertencentes á plataforma de Marín-Pontevedra, desafiaron este xoves ao temporal para manifestarse por varias rúas do centro da cidade, reclamando a devolución dos seus aforros por parte de Novagalicia Banco. Chegaron a concentrarse diante das sucursais que a entidade ten nas rúas Benito Corbal, García Camba, Augusto González Besada e Augusto García Sánchez.
Tiveron que soportar a choiva e o forte vento desde que ás 10.00 da mañá chegaron á oficina de Benito Corbal. A medida que continuaban coas protestas a situación climatolóxica empeoraba, tanto que tiveron que suspender a súa mobilización ao chegar á rúa San José. A velocidade do vento "facía difícil manterse en pé", sobre todo ás persoas maiores, segundo destacan desde a plataforma.
En todo caso, os afectados aseguran que seguirán coas protestas ata que se devolva o diñeiro a todos os estafados. Nesta plataforma hai unhas 50 persoas pendentes dos xuízos, que se irán celebrando nos próximos meses. Por iso, irán alternando mobilizacións na capital, con traslados a Vigo onde se manifestarán cada xoves pola tarde cos compañeiros das demais plataformas da provincia.
Ademais, o portavoz da plataforma, José Luís García Portela, asegura que os afectados seguen pendentes da promesa de Juan Carlos Escotet, novo propietario de Novagalicia Banco, que en decembro anunciase unha solución a este problema en 90 días. "Cada vez parécenos máis inverosímil tal afirmación, e consideramos que a única vía que nos está resultando favorable son as demandas xudiciais, nas que estamos recuperando o diñeiro", afirma.