AENOR entrega un recoñecemento a Ence en Pontevedra por "20 anos de coidado do medioambiente"

Pontevedra
08 de setembro 2023

Ignacio Colmenares, presidente de Ence, recibía o recoñecemento da Asociación Española de Normalización e Certificación nun acto celebrado no mediodía deste venres na sede de Afundación coa presenza de Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda da Xunta de Galicia e conselleira de Medio Ambiente

Rafael García Meiro, CEO de AENOR, entrega o recoñecemento ao presidente de Ence, Ignacio Colmenares
Rafael García Meiro, CEO de AENOR, entrega o recoñecemento ao presidente de Ence, Ignacio Colmenares / Mónica Patxot

Ignacio Colmenares, presidente de Ence, recibía este venres o recoñecemento outorgado por AENOR (Asociación Española de Normalización e Certificación) nun acto que se celebraba na sede pontevedresa de Afundación.

Ao acto asistían diversas personalidades públicas encabezadas por Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda da Xunta de Galicia e conselleira de Medio Ambiente, que clausuraba o acto e evitaba realizar declaracións aos medios de comunicación.

Neste evento tamén se atopaba o CEO de AENOR, Rafael García Meiro; o director da Axencia Galega Forestal, Jacobo Aboal; o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; a deputada do PP por Pontevedra, Ana Pastor; o vicepresidente segundo da Deputación, Rafael Domínguez; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera.

Ángeles Vázquez na clausura destacaba o apoio da Xunta a empresas como Ence que, segundo manifestou, aposta por un modelo de negocio sostible e compatible coa xeración de emprego e riqueza económica. Apuntou que o goberno da Xunta aposta e fomenta a "colaboración público-privada" no reto de mitigar o cambio climático.

Pola súa banda, Ignacio Colmenares recolleu o recoñecemento como un apoio á "aposta de Ence pola excelencia ambiental e do noso compromiso coa contorna".

O CEO de AENOR apuntou que "auditoría tras auditoría, apreciamos nos profesionais de ENCE unha orientación xenuína á mellora continua; sempre expondo novos retos que lles fagan ir máis aló. É o espírito dunha organización consciente de que a sociedade espera das compañías compromiso co coidado ambiental, demostrado con feitos como son a certificación pola entidade máis valorada". 

Esta entidade avala a calidade da xestión e excelencia ambiental de Ence Pontevedra a través de diferentes certificados como o EMAS, que avala a súa boa Xestión Ambiental; o certificado Residuo Cero; o ISO 50001, á xestión eficiente da enerxía; o ISO 9001, á calidade de xestión nos procesos; e o ISO 14001, á eficiencia na xestión do medio e dos procesos da planta pasteira.

Desde a empresa indican que o coidado da entidade se reflicte na calidade do aire en Pontevedra ao superar a outras cidades da contorna e sitúase entre as mellores, segundo datos oficiais do Miteco. Tamén destaca a calidade da auga da ría de Pontevedra ao contar con bancos de marisqueo e 28 praias con bandeira azul.