O proxecto de reconvertir o actual edificio multiusos de Cotobade en centro de saúde acaba de recibir o impulso definitivo. A Deputación de Pontevedra adxudicou a actuación á empresa Abilleira Construcciones y Proyectos Avanzados S.L. por un importe de 170.000 euros.
Os traballos consistirán nunha reforma parcial e pequena ampliación da planta baixa deste edificio, co fin de dar cabida ao consultorio médico. A dita ampliación incrementa a ocupación actual do edificio en 47 metros cadrados, sen alterar significativamente as condicións urbanísticas do edificio existente.
A actual edificación, situada no lugar de A Chan, na parroquia de Carballedo, consta de catro fachadas, unha delas con acceso ao vial público. A planta baixa está destinada actualmente basicamente a exposicións puntuais e a súa ampliación permitirá adaptala ás necesidades propias dunha consulta médica. A segunda planta seguirá destinada a aulas, mentres que o baixo cuberta manterase como biblioteca pública municipal.
A ampliación do edificio realizarase na zona suroeste, na franxa que separa o edificio multiusos do concello e apenas ocupará 50 metros cadrados máis, polo que mantén a distancia de máis de cinco metros con respecto ao outro edificio.
A reforma mellorará a funcionalidade do acceso principal ao edificio, dotándoo dunha entrada adaptada, que pode servir tamén ao núcleo xeral de comunicacións. Mantense o acceso existente na fachada sueste do edificio, reestudando a súa relación co exterior e mellorando as condicións de illamento.
Os espazos máis diáfanos quedan reservados para os locais de despacho e consulta, e os pasillos de circulación dimensionaranse de modo que serven de espera inmediata ás consultas. Na zona nas que estaban os locais húmidos existentes emprazáronse aseos de uso público e de persoal.