Adxudican a Dragados a construción do centro de saúde de Marín por 5,2 millóns de euros

Marín
21 de xaneiro 2015

Dende o Concello cualificárona como "unha boa noticia" que "estaba sendo esperada" desde que o mes pasado a Xunta de Goberno local outorgou licenza municipal ao proxecto presentado e supervisado polo Sevizo Galego de Saúde, que conta con todos os informes favorables

Visita da conselleira de Sanidade a Carballedo
Visita da conselleira de Sanidade a Carballedo / Xunta de Galicia

O Servizo Galego de Saúde adxudicou á empresa Dragados a construción do novo centro de saúde de Marín por un importe de 5,2 millóns de euros e un prazo de execución de 14 meses. A actuación estará cofinanciada ao 80% polo programa operativo Feder 2007-2013.

A noticia deuna a coñecer a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, durante unha visita ao novo centro de saúde de Carballedo (Cotobade). Unha vez feita pública, dende o concello cualificárona como "unha boa noticia" que "estaba sendo esperada" desde que o mes pasado a Xunta de Goberno local outorgou licenza municipal ao proxecto presentado e supervisado polo Servizo Galego de Saúde, que conta con todos os informes favorables.

Os espazos máis importantes recollidos no programa funcional do centro son, na área de medicina xeral e enfermería, 12 consultas de medicina xeral, 11 de enfermería, unha para docencia, unha polivalente, un despacho para o traballador social, unha consulta de telemedicina, unha sala de tomas de mostras, outra sala de técnicas, unha consulta de odontoloxía, outra para hixiene dental, outra de farmacia, unha sala de raios X compartida co PAC, unha consulta da muller, unha para a matrona, unha sala de educación para a saúde, unha sala para fisioterapia con catro cabinas de tratamento, unha consulta de fisioterapia, un despacho para xestión e outro para o coordinador.

Na área de pediatría, haberá catro consultas de pediatría, unha polivalente de pediatría e catro de enfermería pediátrica. Na área de urxencias (PAC), haberá tres consultas de medicina xeral, dúas de enfermería, tres dormitorios para o persoal de garda,  unha sala de críticos e unha sala de observación.