Adxudicado o proxecto para mellorar e conservar o Parque da natureza Ría de Barosa

Barro
29 de novembro 2021

Vai mellorarse a rampla de acceso á zona das fervenzas e construiranse ramplas para acceder á illa desde a zona norte, segundo indican desde o goberno local. Realizaranse tarefas de silvicultura, con rozas, eliminación de especies invasoras e plantación de árbores autóctonas

Parque natural da Barosa
Parque natural da Barosa / Concello de Barro

O pleno ordinario de novembro da corporación municipal de Barro aprobaba a adxudicación dun proxecto integral para mellorar e conservar o Parque da natureza Ría de Barosa. Trátase de actuacións que contan cun orzamento de 100.000 euros.

A empresa Servizos medio-ambientais del Miño S.L. foi a adxudicataria deste servizo ao presentar a segunda mellor oferta económica. Segundo o goberno local de Barro, a empresa que realizou a mellor oferta económica foi descartada polos servizos técnicos ao entender que entraba en baixa temeraria e non xustificaba esa oferta debidamente.

As melloras realizaranse en todo o parque, segundo ten previsto o goberno local. Un dos puntos centrais será a mellora da accesibilidade para o que está prevista a mellora da rampla de acceso á zona das fervenzas e tamén se instalarán ramplas para acceder á illa desde a zona norte.

Acometeranse tarefas de silvicultura, con rozas, eliminación de especies invasoras e plantación de árbores autóctonas. Ademais está prevista a mellora das sendas, mobiliario e sinalización destes espazos, con adecuación das zonas verdes do parque e traballos de reforma nos aparcamentos.

Tamén se contempla a creación de novos baños para evitar a sobrecarga nos meses de verán dos existentes na actualidade. Crearase, ademais, unha illa de reciclaxe.

A intención do goberno municipal de Barro é converter este enclave natural nun punto central das visitas para aquelas persoas que queiran coñecer o patrimonio e a natureza nesta contorna, que forma parte tamén do Camiño de Santiago.