A empresa Modo Caste Sociedad Limitada será a encargada de acometer os traballos de impermeabilización de parámetros verticais e horizontais no Centro Cultural Xaime Illa, na parroquia de Raxó.
A Xunta de Goberno Local deu o visto bo á tramitación na súa última sesión ordinaria, polo que se agarda que as obras poidan comezar nas vindeiras datas.
O orzamento final para levar a cabo esta actuación ascende a un total de 45.000 euros e o prazo de execución dos traballos será de dous meses.
A tenente de alcalde e responsable da área de Espazos Cidadáns e Participación Veciñal, Silvia Díaz incidiu na necesidade acometer este proxecto, co obxectivo de suprimir de forma definitiva as filtracións de auga e humidade que se teñen detectado a través da cuberta, especialmente en época de chuvias copiosas. A actuación tamén afectará á fachada e ás carpinterías exteriores do centro.
A realización destas obras non suporá a paralización das actividades, cursos e iniciativas que se desenvolven no Xaime Illa.