Adxudicado o servizo de saneamento e mantemento da rede municipal en Vilaboa ao Grupo Canalis, que tamén controlará as estacións de bombeo, as canalizacións e a resolución das deficiencias que presente a rede nos vindeiros catro anos.
O alcalde do municipio, César Poza, supervisou este venres a maquinaria que utilizará a empresa para as tarefas nunha xornada de presentación á que acudiu o director xeral de servizos tecnolóxicos do Grupo Canalis, Rodrigo González Pazos.
Equipos especializados na inspección interior de tuberías e sistemas de localización e posicionamento GIS servirán á empresa para auditar o estado actual da rede de saneamento, un traballo para o que tamén utilizarán diferentes vehículos de limpeza e robots para as limpezas máis exhaustivas e localizadas.
Para este servizo o Concello de Vilaboa asumirá en solitario un elevado orzamento polo que esperan que "os responsables de Augas de Galicia así o valoren e non haxa atrancos. Estamos a falar dun servizo básico que en Vilaboa conta cun 91 quilómetros de colectores, na súa maior parte de tipo unitario, e que é preciso revisar con detenimento".
Unha actuación que César Poza califica de "imprescindible" pola repercusión que terá na calidade de vida dos veciños senón tamén polo compromiso xeral co respecto ao medio ambiente.