O Concello de Pontevedra acaba de adxudicar as obras de reforma do edificio Centro Sur de Campolongo por un orzamento de 1.547.129,15 euros.
A reforma ten un prazo de execución de oito meses e permitirá destinar dous andares a residencia para persoas con parálise cerebral de Amencer-Aspace, outros dous a Amizade-Cogami e o resto como locais de diferentes asociacións veciñais e entidades sociais como Amigos de Campolongo, Salcedo Sur, IGADI, a Polifónica, ou o Fondo Galego de Cooperación.
A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra aprobou a proposta de adxudicación á empresa Contrucciones Ramírez, que inclúe na súa proposta os tres bloques de mellora que se especificaban nos pregos da licitación, e que se refiren ao equipamento e a mobiliario dos espazos comúns e dos espazos destinados a dormitorios na futura residencia para persoas dependentes.
As obras de reforma implican o reforzo da estrutura do edificio, habilitar accesos diferenciados para os diferentes usos, instalar un ascensor e acondicionar os dous andares destinados á residencia de Amencer-Aspace, que contará con capacidade para 32 prazas (16 prazas por andar).
O proxecto de reforma do edificio Centro Sur está enmarcado nos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) concedidos a Pontevedra a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) 'Máis Modelo Urbano Pontevedra'.