As obras de conservación do paso inferior peonil, que se atopa situado baixo a estrada autonómica PO-308, en Combarro, no concello de Poio, serán executadas nas próximas semanas, segundo anuncia a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, tras adxudicar estes traballos.
Segundo indican desde a Xunta, detectáronse deficiencias na estrutura de formigón dese paso inferior, debido á exposición ao ambiente mariño. As obras adxudicáronse á empresa Ehisa Construcións e Obras S.A., por unha cantidade próxima aos 50.000 euros.
Esta estrutura foi sometida a varias ampliacións e obsérvanse tres elementos. No primeiro tramo, o máis recente e menos afectado polo ambiente do mar, presenta unha lonxitude de 6 metros. Neste tramo realizaranse reparacións menores.
No segundo tramo, de 13 metros de lonxitude, executarase un tratamento anticorrosivo das viguetas do dintel. No terceiro tramo, de 11 metros de lonxitude, pasan servizos de auga e subministración eléctrica. Neste caso enfróntase á maior exposición ao ambiente mariño e require unha intervención maior.
A intención da Xunta é que se repare e reforce a estrutura con limpeza xeral con chorro de area, saneado xeral con medios mecánicos de baixa potencia, limpeza e pasivación das armaduras vistas, e aplicación dun morteiro de altas prestacións mecánicas.
No segundo tramo tamén se aplica un sistema de pintura con protección de alta durabilidade. Por último, no terceiro tramo reforzarase a estrutura con morteiro, creando unha capa adicional de cinco centímetros, ademais de apear as conducións de servizos.
Tamén se aplicará dous tratamentos de superficie, que se realizarán sobre o formigón tratado: un inhibidor de corrosión e unha pintura de anticarbonatación.