A Xunta vén de adxudicar a execución das obras da 1ª fase do Hospital Público Gran Montecelo, que prevén o seu comezo en maio, por un investimento de máis de 121,87 millóns de euros.
Este contrato foi adxudicado á unión temporal de empresas S.A. de Obras y Servicios, Copasa-Puentes y Calzadas Infraestructuras-Ogmios Proyecto S.L.
Os traballos, que contan cun prazo de execución de 42 meses, consistirán na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.
O novo edificio, que ocupará unha superficie superior os 12.500 metros cadrados, estará composto por un primeiro volume distribuído en dúas edificacións, que actuará como base dun segundo que albergará as áreas de hospitalización.
Concretamente, construirase unha zona de basamento, que estará distribuída en dous edificios de cinco plantas: un dianteiro, no que se situarán as consultas externas que engloban, entre outros servizos, as consultas de hematoloxía, de medicina preventiva, de cardioloxía, ou de dixestivo; e outro traseiro onde estarán ubicadas as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios, entre outros. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.
No seu conxunto, a Xunta investirá 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e os veciños da área dun hospital renovado e de referencia, o Hospital Público Gran Montecelo, xa que nunha segunda fase das obras reformarase o edificio hospitalario actual, para posteriormente executar o aparcadoiro cuberto, cun investimento de 25 millóns de euros.
O novo inmoble estará unido ao resto das instalacións do hospital Montecelo e nel centralizaranse servizos como a área de urxencias, a Unidade de Coidados Intensivos, a hospitalización con ingreso ou as especialidades de maior complexidade.
A atención ambulatoria prestarase nas instalacións actuais de Montecelo, aproveitando os investimentos realizados nos últimos anos para adecualas aos servizos de cirurxía maior ambulatoria, cirurxía de curta estancia, un hospital de día e diversas consultas.
O Goberno galego mantén a aposta por mellorar a atención hospitalaria, que actualmente se presta en tres centros diferentes e fisicamente separados e afastados: o Centro de Especialidades de Mollavao, o Hospital Provincial e o Hospital Montecelo.
Coa ampliación os profesionais desenvolverán o seu traballo nun único edificio, cunha única porta de Urxencias, sen interferir na actividade asistencial do antigo edificio, co que posteriormente se realizará a conexión.