O Auditorio de Marín será construido pola empresa Oreco Balgón S.A., firma á que se lle vén de adxudicar definitivamente a creación do futuro Centro Socio Cultural da vila, por un importe final de 5.268.602 euros, financiados a varias bandas polo Concello de Marín, a Xunta de Galicia e a Estratexia Marín Dusi, financiada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.
Esta adxudicación definitiva foi aprobada por unanimidade no Pleno extraordinario celebrado este xoves, ás 13.30 horas, no Salón de Actos do Concello, despois de que o anterior Pleno ordinario dese luz verde tamén ao suplemento de crédito solicitado polo Consistorio para facer fronte á aportación económica municipal.
A empresa, que xa presentou toda a documentación requerida pola Mesa de Contratación e sobre a que Intervención informou favorablemente, foi a que maior puntuación recibiu na licitación, tanto a nivel técnico coma económico.
Agora, notificaráselle a Oreco Balgón este acordo plenario para formalizar con eles o contrato de execución do Centro Socio Cultural. O prazo de execución das obras será de 31 meses.
XOGO DE ESCAMAS
Pola súa ubicación, o edificio está plantexado para integrarse á perfección no entorno, a Praza de España. Estará semisoterrado, reducindo así a barreira visual e primando a horizontalidade, para que non se distorsione a imaxe da fachada costeira. Terá unha imaxe dinámica, moderna e integrada ca contorna, propoñendo un xogo de escamas como as do peixe, nun chisco ao mar e á cultura mariñeira, eixo do ADN social da vila marinense.
Fundamentalmente, o exterior do inmoble combinará tramos verdes, de cuberta vexetal; tramos de cristal e tramos de aceiro.
Será especialmente interesante a vista que se poderá ter do edificio desde a Alameda, dado que, ao estar máis elevada sobre o terreo, servirá como miradoiro da superficie do Auditorio, cuxa horizontalidade permitirá que o ar sexa o último elemento da paisaxe á vista.
Segundo se recolle no proxecto, todos os materiais serán durables e de escaso mantemento, incluídas as especies vexetais, escollidas coidadosamente pola súa adaptación ao medio mariño e sen necesidade de regos máis alá da propia chuvia e a humidade do ambiente.
UN EDIFICIO SOSTIBLE
Por outra banda, o Auditorio está proxectado como un EECN (Edificio de Consumo de Enerxía Case Nulo). Para iso, combinaranse instalacións de enerxía renovable con características arquitectónicas que minimicen o consumo enerxético. Ademais, todos os sistemas de servizo contarán cas certificacións enerxéticas máis altas posibles.
ESPAZOS CON MÚLTIPLES FUNCIÓNS
O deseño do interior do Auditorio está pensado para que teñan cabida todo tipo de actividades socioculturais, desde as que precisan un espazo amplo ata unha pequena aula para actividades máis de diario. Todas elas, en torno a un vestíbulo que poida facer ás veces de praza maior.
A sala principal contará cun patio de butacas cunha superficie de preto de 640 metros cadrados, con 550 localidades, e cun escenario de cerca de 220. O patio de butacas poderá dividirse en tres subespazos que poderán acoller tres visualizacións ao mesmo tempo.
A maiores, o equipamento contará con catro aulas, tres de diversos tamaños e unha máis grande pensada para usos multidisciplinares; dous baños, sete camerinos, unha sala de audiovisuais e un almacén. Toda a planta sumará un espazo total de case 2.000 metros cadrados.