Adxudicada a renovación da cuberta do pavillón de Barro, que estará lista este ano

Barro
24 de abril 2024

A renovación da cuberta do pavillón municipal de Santo Antoniño espertou moito interese e e presentáronse máis de 20 ofertas de empresas distintas. Finalmente, adxudicouse a Agencia Comercial Herenciana S.L. por un importe de 112.641,84 euros

Pavillón polideportivo de Santo Antoniño
Pavillón polideportivo de Santo Antoniño / Concello de Barro

O pavillón municipal de Barro estreará este ano a súa nova cuberta. Así o confirmou este mércores o Concello, que informa que a Xunta de Goberno local acaba de adxudicar o proxecto.

A renovación da cuberta do pavillón municipal de Santo Antoniño espertou moito interese e presentáronse máis de 20 ofertas de empresas distintas. Finalmente, adxudicouse á empresa Agencia Comercial Herenciana S.L. por un importe de 112.641,84 euros.

O orzamento base de licitación era de 150.000 euros, IVE incluído, de maneira que esta adxudicación permitirá que o Concello aforre neste proxecto arredor do 25%.

A intención do Concello é que as obras se executen nos meses de verán, para causar as menores molestias posibles á comunidade educativa e ao sector deportivo do municipio, por ser o período de menor actividade.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, mostrou a súa satisfacción con esta adxudicación "porque nos vai permitir poñer a punto este mesmo ano unhas instalacións que o veñen demandando desde hai tempo e que facilitará que se poida desenvolver a actividade deportiva en Barro con total normalidade".