Adxudicada a redacción de proxecto de mellora entre Casalvito e Padrón, en Combarro

Poio
08 de abril 2022

O trazado entre os núcleos de Padrón e Casalvito, pertencentes á parroquia de Combarro, verá mellorada a mobilidade peonil despois de que o Concello anunciara a redacción do novo proxecto

Trazado entre Casalvito e Padrón
Trazado entre Casalvito e Padrón / Concello de Poio

O trazado entre os núcleos de Padrón e Casalvito, pertencentes á parroquia de Combarro, verá mellorada a mobilidade peonil despois de que o Concello anunciara a redacción do novo proxecto.

A iniciativa está impulsada desde o departamento de Promoción Económica e Urbanismo, coordinada polo socialista Gregorio Agís, e que segue a filosofía doutras actuacións encamiñadas á recuperación e posta en valor de contornas tradicionais e apostando pola mobilidade sustentable.

A redacción deste proxecto está financiada cunha subvención realizada pola Deputación Provincial de Pontevedra, a través da liña de Axudas da Rede Ágora, que está destinada a concellos de menos de 50.000 habitantes para promover espazos seguros e mellorar as sendas e itinerarios para peóns e ciclistas.

O encargado de redactar este proxecto de entre as sete ofertas que se presentaron ao concurso de licitación é o estudo Oscar Blanco Nicolás, aprobado pola Xunta de Goberno Local esta mesma semana. O orzamento destinado ascende a un total de 11.132 euros, IVE engadido.

Gregorio Agís adiantou que a actuación contemplará a dotación de plataforma única e medidas para garantir a mobilidade e a accesibilidade, ao tempo que se reforza a seguridade peonil e se pon en valor a contorna deste núcleo. "Somos conscientes de que esta conexión é moi utilizada pola veciñanza, polo que entendemos que a actuación é moi necesaria", indicou.