Na última sesión da Xunta de Goberno Local de Poio aprobouse a adxudicación dos traballos para levar o abastecemento e dotar de saneamento ao lugar de Covadalaxe, na parroquia de Samieira. O proxecto foi adxudicado á empresa Narom Sociedad Limitada e conta cun orzamento de 25.686,84 euros.
A concelleira de Obras e Servizos Municipais e tenente de alcalde de Poio, Chelo Besada, visitaba este venres o lugar de Covadalaxe, onde explicaba que un total de oito empresas presentaron ofertas para realizar as obras, que incluirán, ademais da instalación das tubaxes, a mellora do pavimento.
Estes traballos forman parte dun proxecto global por parte da Concellería de Obras co fin de dotar deste tipo de servizos a diferentes puntos do rural do concello.
Neste sentido, a tenente de alcalde recorda que ao longo das últimas semanas tamén se executaron actuacións similares noutros lugares, como é o caso do Camiño Salgueiral ou o Camiño da Bouza, onde os traballos xa están a piques de rematar.
"Continuamos coa nosa folla de ruta para seguir incrementando a porcentaxe de territorio do municipio que conte con saneamento e abastecemento, que xa está por riba do 95%", engadiu Chelo Besada, para a continuación sinalar que o Concello de Poio leva investido nestas actuacións preto de 60.000 euros nos últimos meses.