Adxudicada a humanización do Camiño Casal, na parroquia de San Xoán

Poio
03 de decembro 2021

A Xunta de Goberno Local de Poio vén de adxudicar o proxecto de humanización e mellora do Camiño Casal, situado na contorna do núcleo da Seara, na parroquia de San Salvador

Camiño Casal en San Xoán, Poio
Camiño Casal en San Xoán, Poio / Concello de Poio

A Xunta de Goberno Local de Poio adxudicou o proxecto de humanización e mellora do Camiño Casal, situado na contorna do núcleo da Seara, na parroquia de San Xoán.

Segundo informa o Concello a actuación será levada a cabo pola empresa EC Casas cun orzamento que ascende a 162.980,54 euros, IVE incluído.

Esta mellora, asegura o goberno local, seguirá coa liña iniciada coa obra de humanización na vía principal deste núcleo, e que tamén se estende á Travesía Primeira, cuxos traballos deron comezo a finais do pasado mes de novembro. Servirá ademais para poñer a punto una das ramificacións próximas ao lugar da Seara.

A empresa adxudicataria procederá á dotación dun novo firme, que será empedrado, e á adaptación de rasantes. En canto á mellora de servizos, a actuación contempla a instalación e renovación de rede de abastecemento e de recollida de augas pluviais, ao que hai que sumar a dotación de novas luminarias de tecnoloxía LED.

A obra, que afectará a un tramo de preto dun quilómetro, financiarase con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación.