Adxudicada á empresa Oreco Balgon a construción do Centro Socio Cultural de Marín.
No Pleno da Corporación, que se celebrou este xoves, deron luz verde á proposta de adxudicación elevada pola Mesa de Contratación para a construción por un prezo de adxudicación de 5.278.601,90 euros, cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea e tamén ca Xunta de Galicia.
A partir deste momento, a empresa adxudicataria terá un prazo de 10 días hábiles desde que reciba o requerimento para presentar a documentación que se lle esixe para, en última instancia, xa tramitar a adxudicación definitiva.
Este trámite, pola elevada contía do contrato, terá que volver de novo ao Pleno da Corporación e será a partir de aí cando comezará a conta atrás para o inicio dunha das obras máis importantes para Marín estes últimos anos.
Coa construción deste novo Centro Socio Cultural, Marín contará cunha infraestrutura que lle permitirá dinamizar aínda máis a súa cultura local e acoller espectáculos e eventos de maior envergadura e de necesidades técnicas máis ambiciosas que ata o momento non se podían levar ao municipio.
Estará situado na parcela portuaria anexa á Praza de España e á Escola Naval, cambiando ademais o aspecto e a ordenación do corazón urbano de Marín cunha renovación e unha aposta para aproveitar ese centro urbano, que vén de mellorar tamén no seu brazo de conexión co mar: o Paseo Alcalde Blanco.
A alcaldesa, María Ramallo asegura que "estamos a piques de poder facer realidade a adxudicación deste contrato, despois de que tivéramos que adaptarnos a unha realidade, a da suba de prezos, que ninguén esperabamos". Afirma tamén que "foi un camiño burocrático longo e difícil pero que merecerá a pena para dotar finalmente á nosa vila do Auditorio que merece e que nos fará dar un salto de xigante a nivel cultural"