Adxudicadas por unanimidade as obras de reforma da Biblioteca Municipal Torrente Ballester á empresa Obras Gallaecia SL por un orzamento de máis de 915.000 euros.
O pleno da corporación municipal de Bueu reuniuse este venres nunha convocatoria extraordinaria para que a infraestructura viva nos próximos meses unha transformación técnica.
As obras, financiadas a través do Plan ReacPon e o Plan Concellos 2022 da Deputación Provincial de Pontevedra, deberán estar finalizadas antes de abril do próximo ano, tal e como rexen as bases das liñas de subvencións.
Esta "ambiciosa obra" suporá, tal e como explicaron hai meses Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Alberto Moital, concelleiro de bibliotecas, "melloras tanto a nivel arquitectónico como de conceptos". Adaptarase ás esixencias dunha biblioteca do século XXI, buscando resolver ademais as problemáticas detectadas a nivel estrutural do edificio, cunha especial atención á mellora da accesibilidade e seguridade de todas as persoas, e á eficiencia enerxética.
A intervención servirá para ampliar o edificio actual, situado no corazón do Parque Ramal dos Galos, engadindo unha planta adicional de 360 metros cadrados de superficie, que tamén permitirá trasladar o Arquivo Municipal, actualmente localizado en Cela, ao centro bueués.
Dentro do proxecto está previsto que a planta baixa manteña as dependencias de biblioteca, ampliada a sala de estudos, informática e polivalentes. Tamén resolverán problemas de mobilidade e accesibilidade ás diferentes plantas coa dotación dun ascensor.
Deste xeito, haberá espazos de aprendizaxe e descubrimento (formación, auto aprendizaxe, adquisición de competencias dixitais...), inspirador (acceso á cultura, mediateca, literatura ou divulgación científica), de reunión e encontro (conferencias, charlas e zonas de lecer), e de creación (obradoiros, formación e outros cursos).
Segundo salienta o rexedor, "queremos que a biblioteca sexa un motor que siga dinamizando a nosa vida cultural e adaptado ás esixencias e demandas do século XX".
O pleno tamén serviu para dar conta da renuncia da concelleira socialista María Elisa Dios Ríos e da súa substitución por Manuel Barreiro Regueira.