Advirten que "a práctica totalidade" dos 30 centros municipais presenta deficiencias

Pontevedra
14 de novembro 2024

O PSOE quere impulsar un Plan de Mellora dos Centros Socioculturais do Concello para acometer de xeito urxente obras de renovación, modernización, accesibilidade e sustentabilidade

Marcos Rey e Yoya Blanco falaron da situación dos centros sociais
Marcos Rey e Yoya Blanco falaron da situación dos centros sociais / PSOE de Pontevedra

O grupo municipal do Partido Socialista asegura que "a práctica totalidade" dos 30 centros socioculturais existentes no concello de Pontevedra presenta a día de hoxe, en maior ou menor medida, deficiencias de conservación, infraestruturas e equipamento que "limitan e dificultan a programación de actividades".

Por este motivo demandan un Plan de Mellora para acometer "de xeito urxente" obras de renovación, modernización, accesibilidade e sustentabilidade.

A proposta, presentada polo socialista Marcos Rey, será debatida no pleno do luns.

Solicitan tamén un diagnóstico exhaustivo das instalacións e esixen que se abasteza a estes espazos de equipamentos modernos, ferramentas dixitais, mobiliario axeitado ou equipos audiovisuais, así como a incorporación de criterios de sustentabilidade nas reformas e novas construcións.

A iniciativa tamén demanda que se dote a Lérez, Marcón e Verducido de centros socioculturais "equiparables aos do resto da rede do Concello de Pontevedra", ao tratarse das únicas parroquias que carecen destas instalacións municipais

Os socialistas tamén reclaman na súa iniciativa a ampliación e diversificación da programación de actividades municipais nos centros socioculturais de Pontevedra, con especial atención a obradoiros culturais, artísticos e de desenvolvemento persoal, adaptados a tódalas idades e colectivos.

Ademais, solicítaselle ao goberno local que fomente a participación veciñal e a inclusión.

Pontevedra conta cunha rede de 30 centros socioculturais, dos que 22 se atopan no rural e 8 no contorno máis urbano.