Advirten de que o peche de ENCE xerará un "efecto dominó devastador" para outras empresas

Pontevedra
06 de marzo 2021

Para os populares o peche da fábrica que Ence ten en Pontevedra tería "terribles consecuencias" para o tecido económico da comarca. Entenden que provocaría un "efecto dominó devastador" en moitas outras empresas e servizos

Xuntanza de Jorge Cubela e Pepa Pardo con asociacións empresariais de Pontevedra
Xuntanza de Jorge Cubela e Pepa Pardo con asociacións empresariais de Pontevedra / Partido Popular de Pontevedra

Para os populares o peche da fábrica que Ence ten en Pontevedra tería "terribles consecuencias" para o tecido económico da comarca. Entenden que provocaría un "efecto dominó devastador" en moitas outras empresas e servizos.

Tras a xuntanza que os deputados provinciais Jorge Cubela e Pepa Pardo mantiveron con representantes de AJE, AEMPE, a Cámara de Comercio e a Plataforma Pro-Industria, o PP advertiu do que suporía o peche para as empresas auxiliares que traballan coa pasteira.

"Cando deberíamos esforzarnos todos en traer empresas e xerar emprego, hai quen está intentando destruílos", asegurou Cubela, que recordou que coa "complicada" situación que deixa a pandemia "queren pechar unha empresa viable, que quere continuar investindo na comarca e que xera 5.000 postos de traballos directos e indirectos".

A solución para a permanencia de Ence, segundo os deputados, "é sinxela" e pasaría por modificar o artigo 18.4 da lei de cambio climático que se está tramitando no Congreso, para o que o PP presentou unha emenda, "pero o certo é que o Goberno non está pola labor". 

Este artigo, asegura o portavoz do PP na Deputación, está provocando "inseguridade xurídica" en outras moitas empresas e industrias da costa pontevedresa, entre elas conserveiras, depuradoras ou cocedoiros.

"En dous artigos estamos xogándonos o futuro de moitas empresas e emprego para a provincia", concluíron os deputados populares tras esta xuntanza.