Leo, un dos habitantes máis veteranos da canceira de Poio, xa ten novo fogar, Tras protagonizar o video promocional que o Concello de Poio levou á Feira Internacional de Turismo (FITUR), logrou atopar unha familia de acollida. É a de Silvia Ramírez, protagonista desta campaña.
Poucos días despois da estrea do vídeo, e tras algúns paseos, esta veciña de Samieira comezou o proceso de adopción de Leo e da súa 'irmá' Onza, e tras unhas semanas de entrevistas e trámites, formalizaron a adopción.
Nas instalacións da canceira no Vilar, Leo volveuse reunir esta semana con Silvia, esta vez acompañada do seu marido Wallace e o seu pequeno Leo, para incorporarse á súa familia.
Leo levaba na canceira máis de dous anos desde que fora atopado na Escusa en moi malas condicións, e pensábase que tiña moi difícil atopar unha familia pola súa idade avanzada, máis de trece anos, e por ter a consideración de can potencialmente perigoso.
Durante un paseo polos arredores da canceira, Silvia Ramírez explicou que a raíz da gravación do vídeo promocional, sentiu que "era o noso destino adoptar a Leo".
"Antes da súa chegada estabamos un pouco incompletos e agora con el e a súa irmá Onza somos familias numerosa", destacou a adoptante, que subliña que tivo que facer algún trámite adicional ao ser cans considerados perigosos, como un exame psicotécnico.
Unha das voluntarias da canceira, Aránzazu Dadín, apuntou que cando Leo e Onza chegaron ás súas instalacións tiñan vinte quilos menos dos que debían. "Eran cans que o pasaran mal e parecían predestinado a non ter unha oportunidade", asegurou.
Pero celebra que "pasou algo máxico e estamos moi contentos de que teñan un fogar e unha familia e poidan envellecer xuntos nun lugar de seu",
De cara ao proceso adopción dos animais que están na canceira pódese conseguir más información nas redes sociais e no blog https://fogarcan.blogspot.com/, concertar unha cita no teléfono 620 14 60 33 ou tamén participar nos paseos dos sábados da mañá.