O desprendemento dunha lousa do paramento exterior do Pazo da Cultura de Pontevedra, ocorrido na xornada deste xoves, 28 de marzo, obrigou ao Concello a adoptar "medidas de precaución extremas" para garantir a seguridade das persoas usuarias do edificio, segundo informou o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez.
"Dende onte, os servizos técnicos municipais están avaliando que importancia ten esta caída e como poden afectar ou se hai outras destas mismas pezas que están nunha situación semellante", explicou Gómez Xunqueira, quen detallou que a lousa se3 desprendeu na zona cilíndrica do edificio.
O responsable municipal de Cultura confirmou que se detectaron dous tipos de suxeición para estas lousas no edificio. "Uns son parecidos á da que caeu e non sabemos exactamente se poden dar problemas ou non, e outros son distintos e, en principio, non parece que teñan ningún perigo", manifestou.
Como medida preventiva, o Concello decidiu instalar valados nalgúns espazos exteriores do Pazo, impedindo o paso de persoas.
Ademais, tamén se pechan "un par de zonas dentro do interior do edificio, unha zona dos camerinos do auditorio e a sala VIP, que van quedar inutilizadas", engadiu o concelleiro.
Estas restricións manteranse, polo menos, ata a vindeira semana, cando unha empresa técnica especializada realizará unha avaliación completa para determinar se existe algún perigo adicional e que actuacións serán necesarias.
Malia o incidente, Gómez asegurou que "polo de agora, a programación con motivo do Salón do Libro non se cambia en absoluto", polo que as numerosas actividades previstas para esta fin de semana no Pazo da Cultura desenvolveranse con normalidade.

Non é o primeiro incidente que sofre o edificio nos últimos meses. A finais de 2024, como consecuencia do temporal Kirk, detectouse a caída de cristais no vestíbulo que dá acceso ao auditorio, o que obrigou ao peche temporal desta zona e á realización de obras de emerxencia para reparar o lucernario coa utilización dun guindastre de gran tamaño.