O 41% dos adolescentes de Sanxenxo admite non ter conciencia sobre a violencia de xénero

Sanxenxo
09 de decembro 2024
Actualizado: 19:59

O Concello de Sanxenxo deu coñecer o resultado das enquisas sobre igualdade e violencia de xénero realizadas ao alumnado de 3º da ESO do IES Sanxenxo, IES Vilalonga e Colexio Abrente

Presentación do resultado das enquisas sobre igualdade e violencia de xénero
Presentación do resultado das enquisas sobre igualdade e violencia de xénero / Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo convocou este luns no Pazo Emilia Pardo Bazán a centros educativos e Anpas do municipio para dar a coñecer o resultado das enquisas sobre igualdade e violencia de xénero realizadas ao alumnado de 3º da ESO do IES Sanxenxo, IES Vilalonga e Colexio Abrente.

A concelleira de Educación, Nati Parada, valorou que os resultados revelan un "progreso significativo" na concienciación da mocidade sobre a igualdade de xénero, aínda que tamén pon de manifesto que "aínda quedan áreas onde é preciso traballar".

As enquisas revelan, en canto aos roles no fogar, que a figura paterna dedica no 35,7% do seu tempo ao lecer e o 19,4% a tarefas do fogar, unhas cifras que se invisten no caso da figura materna, na que o 34,9% do tempo dedícao a tarefas domésticas e só un 12,4% a lecer.

Respecto da conciencia dos mozos sobre a violencia de xénero na adolescencia, o 58,1% admite coñecela e o 41,9%, non.

Especialmente rechamante é o descoñecemento dos recursos, o 58,9% descoñece que son os Puntos Violetas e o 79,8% non sabe o número de atención contra a violencia de xénero (016).

Os xoguetes e os deportes son outros dous temas abordados na enquisa, o 39,5% dos enquisados mantén a diferenza por sexos nos xoguetes e, no caso dos deportes, o 65,1% considera que hai deportes específicos para homes ou mulleres.

En canto ao control e relacións de parella, o 14% dos enquisados consideran válido mandar localización ou vestimenta como "proba de amor", e tan só o 4,7% xustifica revisar o teléfono da súa parella. Os celos continúan sendo considerados como unha "proba de amor" polo 28,7% dos enquisados.

Outro dato recollido no informe revela que 15 participantes nas enquisas afirman sufrir ou sufrir algún caso de violencia, 9 mulleres e 6 homes, e o 11,6% aproba a imposición para manter relacións sexuais.

En conclusión, o estudo destaca un bo nivel de rexeitamento cara a estereotipos tradicionais e condutas de control, así como maior sensibilización sobre os celos e a violencia nas relacións.

A concelleira de Educación, Nati Parada, asegura que estes datos se compartirán con todas as familias e que servirán como guía nas programacións municipais para a prevención de violencia de xénero e fomento da igualdade.

"Imos seguir traballando na liña de formación coas familias e cos nenos e nenas desde idades temperás. É clave a implicación de todos os contextos nos que se desenvolve a súa formación como persoas, desde a casa até a escola pasando polas amizades", apunta.