O Goberno de España decidiu admitir a trámite a solicitude de asilo presentada polos sete cidadáns de orixe siria que chegaron esta semana ao porto de Marín a bordo dun barco de transporte de pedra. Esta decisión non significa a aprobación inmediata da petición, pero si que seguirán adiante con todos os trámites e implica que a partir deste venres os sete mariñeiros poderán permanecer legalmente en España durante o tempo que tarde en resolverse o procedemento.
A petición formalizárona os sete este mércores e remitiuse á Oficina de Asilo e Refuxio do Ministerio do Interior en Madrid. Alí analizouse a documentación achegada polos avogados dos sete cidadáns sirios e pola Policía Nacional de Pontevedra e finalmente decidiuse admitila a trámite. Fontes oficiais consultadas por non dan por confirmada a admisión, pero PontevedraViva puido saber que xa é unha decisión adoptada que se trasladará de forma oficial aos afectados nas próximas horas.
Clara Eugenia Rodríguez Varela, avogada de catro dos cidadáns sirios de asilo, tivo coñecemento indirecto da noticia a pesar de representar os intereses dos demandantes porque, segundo explica, tan só é necesario que a noticia se lle comunique aos letrados no caso de que non se admita a trámite a petición, pois se abriría un prazo para recorrer. Nesta ocasión, ante a admisión a trámite, a súa intervención xa non será necesaria, polo menos, de forma inmediata.
A admisión a trámite da petición de asilo implica que os sete cidadáns sirios recibirán o chamado "cartón vermello" que lles autoriza a traballar e residir en España de forma temporal. Recibirana este mesmo venres. Ademais, unha vez admitido, a Oficina de Asilo e Refuxio empeza a instruír un expediente administrativo por cada un dos cidadáns e, unha vez terminado, elevará un criterio de resolución ante a Comisión Interministerial de Asilo e Refuxio (CIAR), que será a que finalmente valorará a solicitude de asilo e elevará unha proposta de resolución ao Ministerio do Interior.
A resposta final será notificada aos cidadáns no lugar no que fixasen a súa residencia temporal, podendo ser esta en calquera punto do territorio nacional.
Os sete solicitantes de asilo chegaron a Marín a bordo do barco Lady Boss e decidiron pedir o asilo en España en canto atracaron ao ter o porto a condición de fronteira e porque a súa seguinte parada de non facelo sería Siria e, por tanto, veríanse abocados a converterse en combatentes nun país devastado por unha guerra civil prolongada.