A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra deixou visto para sentenza o xuízo contra un mozo de Pontevedra acusado de agredir un home que tivo que ser ingresado na unidade de coidados intensivos (UCI) do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e que arrastra importantes secuelas daquel golpe, entre outras a xordeira total dun oído.
Os feitos sucederon ao cinco da madrugada do 22 de xullo de 2022 no centro urbano de Pontevedra.
O acusado, que "había salido de fiesta" e consumira "bastante" alcol e tamén cocaína, ía en cuadrilla xunto a cinco amigos cando se cruzaron co agredido, que camiñaba só.
Segundo relatou o agresor durante a vista oral, "le pegué un puñetazo sólo", un golpe na fazula que, segundo indicou, tiña a intención de "apartarlo de mí" porque "se había cagado en mis muertos". Acto seguido, abandonou o lugar "sin darle importancia" ao ocorrido xa que "en ningún momento" dixo ter intención de causar tanto dano.
Como consecuencia desa puñada, que hoxe o acusado describiu como "leve", pero á que se tiña referido na súa primeira declaración como un "cañonazo", a vítima caeu ao chan e impactou coa cabeza na beirarrúa, o que lle fixo perder a consciencia.
O home tivo que ser ingresado na UCI co cranio fracturado. Tiveron que practicarlle unha craniectomía descompresiva e implantarlle un sensor de presión intracranial, con posterior craneoplastia. Á vítima quedáronlle unha serie de secuelas, como a xordeira completa do oído dereito, algo especialmente significativo xa que a súa profesión é técnico de son. Ademais, presenta un dano anatómico e un prexuízo estético.
Todo iso supón unha "perda de calidade de vida", tal e como el mesmo explicou ao tribunal durante o xuízo por videoconferencia.
O agredido asegurou non lembrar o ocorrido aquela noite. Admitiu que tamén consumira alcol pero rexeitou que faltase ao acusado nos termos nos que este apuntou. "Nunca diría semejante cosa. Ni en broma", afirmou con rotundidade.

A testemuña principal deste caso é un home que pasaba polo lugar no momento en que ocorreron os feitos. Segundo relatou, ao cruzarse ao acusado e aos seus amigos escoitoulles dicir:"mira donde vamos a encontrar a esta maricona". Entón viu como golpeaban a un mozo e como este "cayó redondo, de espaldas" polo que acudiu correndo a auxiliar ao agredido que sangraba por detrás da cabeza.
Este home afirmou que ao recriminarlles a estes mozos a súa acción, increpáronlle "ten cuidado que tú eres el siguiente".
Afirmou que o acusado e a súa cuadrilla "estaban montando gresca" e que outro mozo lle contou que xa quixeran pegar a outra persoa con anterioridade.
Outras dúas mozas que foron testemuñas do suceso engadiron que despois da agresión os mozos marcháronse "riéndose".

A Policía Nacional non tivo problemas en identificar aos implicados nesta agresión porque foron gravados polas cámaras de seguridade da zona e recoñecéronlles inmediatamente doutras intervencións anteriores na rúa por consumo de estupefacientes ou participación en rifas.
Tamén hai outra gravación no portal da casa dun dos mozos na que saen todos eles "recreando" a agresión que se acababa de producir minutos antes.
A acusación particular, que defende os intereses do prexudicado, pediu que se deduza o testemuño dos amigos do acusado porque "han venido a mentir descaradamente".
Estes mozos, que durante a instrución desta causa chegaron a ser considerados coautores da agresión, sostiveron hoxe ante o tribunal que o agredido ía "borracho", que camiñaba "haciendo eses" cunha botella de viño na man, que lles ameazou e insultoulles. Aínda que ningún deles puido lembrar cales foron esas supostas ameazas ou con que palabras dirixiuse o agredido a eles.
Outra das testemuñas era un amigo do acusado que vivía na zona e que, aínda que dixo estar a durmir nese momento, asegurou que desde a súa habitación no segundo piso ouviu como alguén dixo na rúa "me cago en tus muertos".
A fiscal e a acusación particular solicitan unha condena de nove anos e medio de prisión para o acusado como autor dun delito de lesións e instan tamén unha medida de afastamento e de prohibición de comunicación durante doce anos.
O Ministerio Público tamén reclama o pago de 151.000 euros en indemnizacións á vítima e de máis de vinte mil euros ao Sergas pola asistencia sanitaria.
En defensa do acusado a súa avogada esgrimiu que o seu cliente sofre trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH) e que é consumidor habitual de droga. Ademais alega dilacións indebidas e sostén que concorre a circunstancia atenuante de confesión.
Esta letrada recalca que o agredido estaba ebrio polo que o golpe que sufriu contra o chan podía ser causado pola bebedeira. Por iso reclama a presunción de inocencia para o seu defendido para o que pediu a libre absolución ou, de maneira subsidiaria, que se considere que foi un delito de lesións imprudentes.
