ADIF agarda que Ábaco Cinebox entregue as chaves para licitar a adxudicación das salas

Pontevedra
10 de xuño 2013

A empresa de instalacións ferroviarias publicou o prego relacionado co arrendamento de locais para a actividade de exhibición de salas de cines en Vialia Estación de Pontevedra cun aluguer que suporía un pagamento mínimo de 6.000 euros ao mes e unha duración de 20 anos

Desmontaxe dos cines de Vialia
Desmontaxe dos cines de Vialia / Mónica Patxot

Canto custa o aluguer das instalacións das salas de cine en Vialia para os próximos 20 anos?

O importe mínimo de licitación é de 1.440.000 euros sen IVE, cunha renda mínima anual garantida de 72.000 euros tamén sen IVE, que se incrementará a partir do segundo ano co IPC. ÿ dicir, 6.000 euros ao mes de aluguer. A estas cifras habería que sumar ao redor de 2,5 millóns de euros que a empresa interesada tería que investir despois de que Ábaco Cinebox baleirase as instalacións que ocupaba.

A empresa de instalacións ferroviarias ADIF publicou na súa web o prego de condicións relacionado co arrendamento de locais para a actividade cinematográfica. Nel se indica que contará con máis puntuación aquela oferta que inicie a actividade nun menor prazo de tempo e pide información sobre o equipamento e distribución que se quere dar aos cines reclamando datos sobre se as salas contarán con 3D, butacas vibrantes ou con HFR (formato con máis velocidade de gravación e proxección)

Pero polo momento non se realizou un anuncio publicitario nin se iniciou o proceso de licitación á espera de que Ábaco Cinebox entregue as chaves que, por acordo entre as empresas, ten este venres 14 como límite. O prego de condicións está elaborado dende o día 23 de maio, tres máis tarde dese acordo nos xulgados da Parda. Dende o departamento de Comunicación insisten en que hai varias empresas interesadas en retomar a actividade dos cines en Vialia.

Os traballadores da empresa cinematográfica encóntranse esta semana asumindo as vacacións que lles debía a empresa pero está previsto que manteñan unha nova entrevista co director xerente de Ábaco, Juan Ignacio Moreno, antes de que o día 15 comecen o ERE temporal. A través dese ERE que ten unha duración de seis meses esperan que algunha empresa que poida chegar a facerse cargo das salas de cine os subrogue. Non obstante, ADIF non inclúe ningún apartado que se refira á continuidade dos traballadores no prego de condicións que estableza algunha condición para os 15 empregados de Ábaco en Pontevedra.

Arquivado en