Este mediodía realizouse a apertura da única oferta económica presentada en Adif para poñer en marcha, de novo, o negocio dos cines nas instalacións de Vialia. Polo momento, dende a empresa de Fomento non se fai público o nome da entidade interesada. Adif comunicaba a PontevedraViva que "al ser un proceso negociado, queda pendiente la resolución definitiva por parte de Adif, que se producirá en el plazo más breve posible".
Os traballadores da anterior adxudicataria, Ábaco Cinebox, encóntranse á expectativa. Entre eles, na asemblea mantida este luns, comentan que a interesada na explotación dos cines é unha empresa de Vigo. Agora a súa loita céntrase en intentar que os novos titulares das salas se fagan cargo de toda o equipo, 15 traballadores que nestes momentos se encontran nun ERE con suspensión temporal de contratos por un período máximo de 6 meses, como sinalaba o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa, que se reuniu con eles este luns no edificio sindical. Pedrosa apuntaba que, segundo as bases do proceso, "dsnde a adxudicación teñen que pasar un máximo de 4 meses para que comece a actividade e non se chegarían a cumprir os 6 meses do ERE".
Pedrosa indicou aos traballadores que, en canto saiban de que empresa se trata, van poñerse en contacto con ela para reunirse e negociar a subrogación: "Queremos que Adif teña en consideración a subrogación se vai na mesma liña da carta que nos enviou a ministra de Fomento que considera que é importante que Pontevedra teña cines e na visión de manter o emprego". O representante sindical indicou que haberá un cambio de tecnoloxía nas salas pero espera que se poida manter o número de traballadores que viñan traballando no cine.