Susana López Abella, secretaria xeral de Igualdade da Xunta, participou esta mañá na presentación de 'A nosa convivencia en feminino', unha programación organizada pola Asociación de Diagnosticados de cancro de mama e xinecolóxico, Adicam.
Segundo a secretaria xeral, esta iniciativa ofrécelle ás vítimas de violencia de xénero e mulleres enfermas de cancro da provincia "apoio e acompañamento".
López Abella lembra que a Xunta destina 15.000 euros á Asociación para que as súas usuarias reciban atención social, psicolóxica, laboral e xurídica e participen en obradoiros que lles permitan "gañar seguridade en procesos de resolución de conflitos".
A colaboración entre a Xunta e Adicam pretende avanzar na eliminación da desigualdade así como sensibilizar a cidadanía para combater a violencia de xénero e mellorar a calidade de vida de mulleres en situación de vulnerabilidade, indicou a secretaria xeral.