Na noite deste mércores 7 ao xoves 8 entrarán en vigor os cambios de nivel nos concellos do Grove, que pasa a máximo; da Illa de Arousa, que se sitúa en nivel alto; en Sanxenxo e en Meis, que van establecerse en nivel medio dentro da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Esta decisión foi confirmada este mércores polo conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña durante a rolda de prensa ofrecida para explicar as conclusións ás que se chegaba no comité clínico celebrado este martes.
Desta forma, adiántase 24 horas a medida que inicialmente estaba prevista para que entrase en vigor o venres. E por tanto, a partir deste xoves establecerase o peche perimetral do Grove, con reunións limitadas a conviventes e peche total da hostalería, salvo para servizos a domicilio ou recollida de produtos.
O motivo destas medidas, segundo sinalaba a directora xeral de Saúde Pública Carmen Durán é que este municipio turístico do Salnés pasou de contar cunha incidencia acumulada de oito casos por 100.000 habitantes a sete días e de 133 a 14 días, nos rexistros do 29 de marzo, a alcanzar máis de 300 casos nesa mesma taxa a 7 días durante o martes 6 de abril e preto de 400 a 14 días. Por este motivo, as autoridades sanitarias explican que se adoptan medidas para anticiparse a un posible foco. O conselleiro recoñeceu a súa preocupación polo caso do Grove.
García Comesaña anunciou que se incrementarán os cribados poboacionais nesta zona para tentar localizar os casos activos asintomáticos e poder anticiparse antes de chegar aos 500 casos activos por 100.000 habitantes nas incidencias acumuladas.
En canto á situación das principais cidades de Galicia, Vigo é o municipio que presenta unha maior taxa acumulada a 7 días situándose en 56, seguido pola Coruña con 49 e por Pontevedra con 42.
Carmen Durán alertou de que a estimación da circulación da variante británica sitúase nun 95% con 192 casos en Galicia desta variante. Pero tamén detectaron un caso da variante surafricana e esta mesma semana identificábase unha variante de Brasil na área sanitaria de Vigo. Ademais, atópase en estudo unha mutación aparecida en Galicia que os epidemiólogos aínda non puideron concretar a súa procedencia.
Sinalan, en todo caso, que a comunidade autónoma continúa no estado de meseta con 189 concellos de Galicia que non notificaron casos no últimos sete días. A área sanitaria de Pontevedra-O Salnés está en 46,64 casos por cada 100.000 habitantes a 7 días, situándose por encima de Vigo nestes datos.
"SENTIDIÑO"
A partir do 9 de abril permitiranse as reunións de non conviventes nos domicilios, cun límite máximo de 4 persoas no interior e de 6 no exterior. O conselleiro de Sanidade recoñeceu que se poden producir situacións estrañas como que nun domicilio con catro conviventes non poida entrar outra persoa non convivente mentres que nunha vivenda na que viva unha soa persoa poden entrar tres non conviventes. García Comesaña insistiu en que a filosofía que se adopta é a de reducir os contactos que se producen tanto nos domicilios particulares como na hostalería porque é onde se produce a transmisión do virus. Indicou que a medida tamén se aplicará á utilización dos vehículos onde ata o de agora só podían circular conviventes.
O integrante do comité clínico, o doutor Sergio Vázquez, lembrou que nos últimos días non se rexistran grandes oscilacións nos datos de incidencia acumulada en Galicia pero a presenza da variante británica, máis contaxiosa, obriga á poboación para manter a prudencia, sobre todo coa chegada do bo tempo. Engadiu que os gromos na comarca do Salnés están moi relacionados coas reunións familiares, actividades laborais e de hostalería. Reclamou " sentidiño" e responsabilidade individual e colectiva para evitar a cuarta onda.
Por outra banda, o conselleiro anunciou a posta en marcha dun teléfono específico para persoas maiores de 80 anos que non se vacinaron por diversas causas. Neste caso pódense poñer en contacto coa consellería a través do número 881.002.021, en horario de 08.00 a 21.00 horas, de luns a venres.