Adeus Peregrina! Ola Feira Franca!!!

Pontevedra
21 de agosto 2018
Actualizado: 18:29

Este martes comezou a desmontaxe das atraccións das festas da Peregrina e do escenario da Praza de España ao mesmo tempo que xa se están a instalar as estruturas de ambientación de cara á Feira Franca. Segundo a Policía Local, ás 19:30 deste martes queda aberta ao tráfico a Rúa Alameda

Desmontaxe das instalacións das Festas da Peregrina e inicio de preparativos para a Feira Franca
Desmontaxe das instalacións das Festas da Peregrina e inicio de preparativos para a Feira Franca / PontevedraViva

Este martes comezaban os traballos para desinstalar o escenario dos concertos musicais da Praza de España e das atraccións e postos situados en Raíña Vitoria e Alameda con motivo das Festas da Peregrina. Segundo anunciou a concelleira de Festas,  Carme da Silva, está previsto que este operativo, se non se rexistran incidencias, finalice antes da medianoite.

Segundo a Policía Local, ás 19:30 deste martes queda aberta ao tráfico a Rúa Alameda. Vai cambiar o sentido de circulación de Xeneral Martitegui, manténdose tal e como estaba antes das festas. A rúa Raiña Vitoria, segundo as mesmas fontes, probablemente non se poda abrir ata este mércores.

Tamén diversos operarios iniciaron ao longo da mañá deste martes a instalación das estruturas dos arcos de ambientación en distintos puntos do centro histórico para a celebración da Feira Franca o próximo 1 de setembro.

Ademais, varios funcionarios do Corpo do Parque de Bombeiros de Pontevedra levaban a cabo a revisión dos  hidrantes en distintos puntos da cidade.  Carme da Silva explicou que este control das tomas de auga é necesario realizalas anualmente e, por este motivo, aprovéitanse estas datas previas á festa do mercado medieval para manter as bocas de incendio listas por se é necesario o seu emprego ante calquera emerxencia que poida xurdir durante a Feira Franca.

Arquivado en