Adeus ás princesas: cada vez máis nenas queren ser superheroínas

Pontevedra
07 de febreiro 2018

Purpurina e arcos da vella encherán as rúas este Entroido. Os disfraces de Ladybug ou Wonder Woman son cada vez máis demandados polas máis pequenas

Os pontevedreses opinan sobre os disfraces do Entroido / Gabriela Varela

Coa chegada do Entroido, as tendas de disfraces incrementan os seus catálogos coas últimas tendencias. Este ano o tema fantasía enche os escaparates pontevedreses con cores vivas, perrucas extravagantes e moita purpurina

Se hai algúns anos as flores adornaban as cabeleiras nestas datas, en 2018 as perrucas de cores e os accesorios brillantes son a aposta principal dos negocios que se dedican á roupa e complementos festivos.

"As flores no pelo triunfan en Feira Franca, no Entroido aprovéitase para seguir a tendencia das cores do arco da vella e temática fantasía", explica a dependenta da tenda Claire’s. Este tipo de disfraces son buscados, sobre todo, por nenas e adolescentes, aínda que o xénero masculino empeza a sumarse á febre das fadas e os unicornios, tal e como explican as traballadoras da tenda Party Fiesta.

En canto á temática relacionada coa gran e a pequena pantalla os pontevedreses téñeno claro. O máis recorrente nestas datas son os personaxes de Xogo de Tronos, como Jon Neve ou Daenerys, así como os de Star Wars, coincidindo coa última estrea da devandita saga o pasado decembro. Mentres que os disfraces da serie son adquiridos por xente de todas as idades, os da película son máis ben do gusto dos máis pequenos, que están a descubrir o mundo dos superhéroes e maestros "jedis". 

Con todo, chama especialmente a atención o incremento da demanda por parte do público feminino dos disfraces de superheroínas, sobre todo entre as máis pequenas "as nenas tamén queren ser heroínas.

Este ano Ladybug é un dos personaxes máis buscados por elas", explica unha traballadora de Din y Don. Ademais, en Party Fiesta explican que a febre Frozen parece acougarse, aínda que segue demandándose sobre todo como agasallo no día de Reis. "Xa se converteu nun clásico duradeiro, pero desde o ano pasado si que se nota que as superheroínas como Wonder Woman, Batgirl ou mesmo Spiderwoman empezan a tomar forza".  

Esta tendencia parece coincidir cunha onda de queixas en contra dos disfraces "sexys" destinados a nenas. A preocupación por romper cos estereotipos de xénero dende a infancia é cada vez máis creciente, e inclusive as marcas apresuráronse a elaborar estudos que confirman que as máis pequenas se identifican cada vez máis con figuras femininas que queren salvar o mundo

Arquivado en