Adeus ás máscaras en interiores 700 días despois... aínda que con excepcións

Pontevedra
19 de abril 2022

A partir deste mércores 20 de abril, as máscaras deixarán de ser obrigatoria nos espazos interiores. Así o aprobou o Consello de Ministros. Haberá, iso si, excepcións a esta norma. Manterase o seu uso en centros sanitarios, farmacias incluídas, ou no transporte público. Haberá ademais recomendacións para determinados ambientes

Persoa con máscara
Persoa con máscara / Mónica Patxot

A partir deste mércores 20 de abril, as máscaras deixarán de ser obrigatoria nos espazos interiores. Así o aprobou o Consello de Ministros. Haberá, iso si, excepcións a esta norma. Manterase o seu uso en centros sanitarios, farmacias incluídas, ou no transporte público.

"As máscaras deixan de ser obrigatorias porque nos atopamos nun contexto favorable", explicou a ministra de Sanidade, Carolina Darias, unha decisión que baseou na actual situación epidemiolóxica que hai en España.

A iso, Darias sumou a "altísima cobertura vacinal" que hai no noso país, o descenso da gravidade da enfermidade pola entrada de novas variantes e os bos indicadores que se rexistran en hospitalizacións ou pacientes en UCI.

Ponse fin así a esta medida 699 días despois de que o 21 de maio de 2020 o Goberno establecese por primeira vez o uso obrigatorio deste escudo visible contra a covid-19 tanto en espazos pechados como ao aire libre.

QUE EXCEPCIÓNS HABERÁ?

O real decreto aprobado polo Goberno fixa que a máscara seguirá sendo de uso obrigatorio nos centros, servizos e establecementos sanitarios, incluídas as farmacias, salvo para as persoas que estean ingresadas na súa habitación do hospital.

As persoas que vivan nas residencias de maiores non terán que poñela, pero si o deberán facer tanto as visitas dos pacientes como os traballadores.

Entre as excepcións, o Executivo central inclúe tamén todo o transporte público, entre eles autobuses, trens, avións ou barcos. Non terá que utilizarse, con todo, nas plataformas e estacións de viaxeiros.

OUTRAS RECOMENDACIÓNS

Xa como recomendación, o Goberno aconsella que a máscara non sexa obrigatoria nos colexios e anima a que a poboación vulnerable realice un "uso responsable" dela, sobre todo se non poden manter a distancia de seguridade con outras persoas. 

Esa responsabilidade pídese noutros espazos pechados de uso público, como comercios, cines, teatros, salas de concertos, museos, bares, restaurantes ou locais de lecer nocturno, do mesmo xeito que na contorna familiar, as reunións de amigos ou as celebracións privadas.

Na contorna laboral, segundo a ministra de Sanidade, a máscara "non resultará obrigatoria con carácter xeral", aínda que cada empresa poderá mantela por prevención de riscos laborais ou se non pode garantir a distancia interpersoal ou unha adecuada ventilación.

"Seguimos superando etapas. A medida é un paso máis na evolución da pandemia e facémolo desde a prudencia e a gradualidade", sentenciou Carolina Darias.