Adeus ás filtracións de auga na escola infantil de Bueu, que terá unha maior zona de xogos

Bueu
07 de setembro 2024

Esta é unha primeira fase dentro dun proxecto de mellora máis ambicioso, co que se pretenden solucionar as deficiencias estruturais que presenta o edificio dende hai moitos anos e que se deben a unha mala execución da obra

Revisión das obras na escola infantil de Bueu
Revisión das obras na escola infantil de Bueu /

Algo máis de 34.000 euros está a investir o goberno municipal de Bueu nunhas obras destinadas a acabar cos problemas de filtracións na Escola Infantil Galiña Azul, sita no Valado, e ampliar a súa actual zona de xogos.

Con motivo do inminente remate das obras, que se financian coa achega municipal que se lle fai ao Consorcio Galego de Benestar e Igualdade, esta semana visitaron a zona Félix Juncal, alcalde de Bueu, e varios dos seus concelleiros.

A actuación consiste na substitución do parque infantil e o incremento da superficie axardinada e tamén pretende solucionar os recorrentes problemas de filtracións que sofre o edificio.

Para iso estase a levar a cabo o saneado de todo o perímetro do edificio, así como a conexión dos espazos de xogos, que se uniformizaron levantando a superficie actual coa substitución por un caucho de cor e maior calidade, e que se complementará cunha zona de herba.

Así mesmo, tamén se cambiou o valado para comunicar os dous patios.

Esta é unha primeira fase dentro dun proxecto de mellora máis ambicioso, co que se pretenden solucionar as deficiencias estruturais que presenta o edificio dende hai moitos anos e que se deben a unha mala execución da obra.

Nunha segunda fase, a intención do goberno local é colocar unha cuberta ou unha estrutura vexetal para dar sombra á zona de xogos, e tamén está enriba da mesa a posibilidade de actuar na entrada principal do recinto. 

Paralelamente, e de cara ao inminente curso do comezo escolar nos próximos días, os servizos municipais levan varias semanas acometendo arranxos e tarefas de mantemento en todos os centros educativos de infantil e primaria.