A cruzada contra os valos publicitarios instalados nos espazos públicos e privados da cidade comeza a dar os seus froitos. Monte Porreiro, San Brais, María Victoria Moreno, Juan Manuel Pintos ou Pasarón son algúns dos lugares dos que xa se retiraron estes elementos.
Esta actuación, que forma parte da estratexia municipal para a mellora do espazo público, comezou coa activación dos expedientes de retirada destes valos publicitarios.
Contabilizáronse ata 36 espazos nos que están ou estaban situados estes valos publicitarios, todos eles sen autorización municipal. A maior parte dos espazos contaban con dous ou máis paneis que afeaban a imaxe urbana da cidade.
Ademais, nalgún caso, sosteñen desde o Concello, supoñían un perigo dado que non contaban con medidas de seguridade acaídas.
Os expedientes están sendo notificados ben pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística porque se atopan en espazos urbanos susceptibles de ser públicos (15), ou ben polo Concello, que actúa nos espazos urbanos sen autorización municipal (21).
Así, xa están retirados os valos en tres espazos das rúas Juan Manuel Pintos e Domingo Fontán (7 valos), en Leonardo Enríquez e na avenida de Compostela (7), na rotonda de entrada a Monte Porreiro (5), na rúa de San Brais fronte ao centro comercial Carrefour (5) ou na rotonda de María Victoria Moreno coa avenida de Vigo, no Gafos (4), entre outros.
Xa en tramitación ou en carteira están outras zonas da cidade como José Malvar, Gorgullón, Avenida de Marín, Avenida de Lugo, Josefina Arruti, Valdecorvos, Rosalía de Castro, María Victoria Moreno ou o nó do Pino.
Todos estes valos están sendo retirados polas empresas ou propietarios dos predios nos que se atopan. O traballo continuará adiante coa retirada das estruturas que aínda seguen en pé.