Adeus ao Hotel Comercio: cambia de xestores e de nome para abrir unha nova etapa

Pontevedra
20 de novembro 2024
Actualizado: 19:03

O grupo galego Alda Hotels fíxose cargo deste hotel, apenas seis anos despois de que a súa xestión quedase en mans de Domus Hoteles. A partir de agora, chamarase Alda Centro Pontevedra

Hotel Comercio
Hotel Comercio / Miguel Álvarez

O coñecido Hotel Comercio, que se inaugurou en 1983 en pleno centro de Pontevedra, na rúa Augusto González Besada, despídese.

Iso si, non se trata dun peche. O establecemento cambia de mans e, para abrir unha nova etapa, farao cunha nova denominación.

O grupo galego Alda Hotels fíxose cargo deste hotel, apenas seis anos despois de que a súa xestión quedase en mans da compañía asturiana Domus Hoteles.

A partir de agora, chamarase Alda Centro Pontevedra.

Será o duodécimo hotel desta cadea na provincia, o segundo na cidade de Pontevedra tras o Alda Estación Pontevedra.

Haberá algúns cambios ademais no seu día a día, segundo confirman os seus novos responsables.

Así, o antigo Hotel Comercio, que tiña dúas estrelas, pasará a ser un aloxamento dunha única estrela. Contará cun total de 26 habitacións.

Ademas, está previsto que se conserven todos os postos de traballo que tiña na actualidade.