Adeus ao hospital de Monte Carrasco: a Xunta retoma a ampliación de Montecelo

Pontevedra
29 de abril 2016

Un "gran Montecelo" que será o centro hospitalario de referencia para 300.000 habitantes da área sanitaria norte de Pontevedra. Así describiu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, o proxecto no que traballa o Servizo Galego de Saúde (Sergas) para dotar a Pontevedra dun hospital "de futuro", unha vez que se descarta a opción de construír un novo centro sanitario en Monte Carrasco ante a "falta de consenso"

Fachada principal do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra en Montecelo
Fachada principal do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra en Montecelo

Un "gran Montecelo" que será o centro hospitalario de referencia para 300.000 habitantes da área sanitaria norte de Pontevedra. Así describiu o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, o proxecto no que traballa o Servizo Galego de Saúde (Sergas) para dotar a Pontevedra dun hospital "de futuro", unha vez que se descarta a opción de construír un novo centro sanitario en Monte Carrasco ante a "falta de consenso".

Sete anos despois a Xunta dá o seu brazo para torcer e renuncia a un proxecto que, segundo recoñeceu o propio conselleiro, rexeitaban non só desde as instancias políticas municipais, senón tamén entre os profesionais sanitarios, as asociacións de veciños e as comunidades de montes. Tras "escoitar" a todos eles, Vázquez Almuíña sinalou que a Xunta optou por facer unha "revisión" do futuro sanitario pontevedrés.

"En Monte Carrasco non había un consenso xeral e buscando outras posibilidades presentamos agora un novo proxecto", sinalou o titular de Sanidade. Terá como base o actual hospital de Montecelo, onde o Sergas centralizará toda a atención de agudos e que se converterá, de facto, no ansiado hospital único que reclama desde hai anos a sociedade pontevedresa.

Haberá aspectos deste proxecto que se aproveiten do presentado polo bipartito da Xunta, pero será un hospital bastante diferente, polo menos cando a cuestións construtivas. A nova ampliación de Montecelo non se fará cara á estrada que cruza por diante da fachada principal, senón cara á parte de atrás. Construirase un novo edificio a tres alturas, situado á beira do actual servizo de urxencias e conectado co resto do hospital.

En total, o novo Montecelo ocupará inicialmente unha área de 90.000 metros cadrados, aínda que se reservará máis espazo para posibles ampliacións posteriores. Contará ademais cun aparcadoiro ao aire libre cunhas 500 prazas e o novo edificio terá ademais un parking subterráneo. Para a súa construción, probablemente, será necesario realizar unha serie de expropiacións, entre elas, varias vivendas.

O novo edificio acollerá os servizos "máis complexos", segundo destacou o conselleiro, como urxencias, a unidade de coidados intensivos ou a hospitalización con ingreso. Alí tamén se situarán as especialidades de maior complexidade e as novas unidades que se incorporarán ao catálogo da atención sanitaria en Pontevedra.

Pola súa banda, toda a atención ambulatoria centralizarase nas instalacións actuais de Montecelo, onde se aproveitarán os investimentos realizados nos últimos anos para adecualas aos servizos de cirurxía maior ambulatoria, a cirurxía de curta estancia, un hospital de día e consultas, entre outros.

"Cunha pequena reforma o actual Montecelo daríanos un gran servizo, porque hai unha parte antiga pero tamén outra que ten escasos anos e que é perfectamente funcional", explicou Jesús Vázquez Almuíña, tras reunirse co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para presentarlle as liñas básicas deste novo proxecto para o que se baralla o horizonte de 2020.

Baixo esta formulación, tanto o Hospital Provincial como a Casa do Mar de Mollabao terán novos usos, que serán determinados durante a redacción do anteproxecto para a ampliación de Montecelo

Baixo esta formulación, tanto o Hospital Provincial como a Casa do Mar de Mollabao terán novos usos, que serán determinados durante a redacción do anteproxecto para a ampliación de Montecelo, un proceso que o titular de Sanidade quere ter en "pouco tempo" para que, no caso de que haxa un cambio de goberno en Galicia, "sexa igualmente ou definitivo e que se faga para mellorar a hospitalización na área de Pontevedra".

Fernández Lores, pola súa banda, celebrou este "cambio de posición" da Xunta con respecto ao área sanitaria de Pontevedra, aproveitando as actuais instalacións de Montecelo para dotar á cidade dun hospital único de referencia. O alcalde quixo tender á man ao Sergas para "volver sentarnos a falar" dentro dun par de semanas para avanzar neste novo proxecto hospitalario.

"O Concello é consciente da situación económica e non vamos a esixir que fagan un hospital en dous anos, pero si que faga un investimento razoable e que as obras se fagan sen présa pero sen pausa", sinalou o rexedor da capital, que se mostrou disposto a facer de intermediario coa Deputación para que esta administración tamén colabore neste proxecto, mellorando a rede viaria e as comunicacións co hospital.

A partir de aí, explicou, o Concello asumirá a urbanización posterior de todo este ámbito para avanzar na súa integración na zona.

A OPOSICIÓN TAMÉN CELEBRA O CAMBIO

Tras este encontro co alcalde, o conselleiro de Sanidade tamén quixo explicar os detalles deste proxecto aos grupos da oposición que, con lixeiros matices, coincidiron en celebrar que a Xunta renunciase a construír un novo hospital en Monte Carrasco e opte de novo por aproveitar as actuais instalacións de Montecelo.

Luís Rei, portavoz de Marea, destacou que se abre un "tempo novo" para solucionar os problemas asistenciais en Pontevedra e que esta "vitoria" da sociedade civil foi posible grazas á mobilización social; mentres que a edil de Cidadáns, María Rey, celebrou esta "declaración de amor" da Xunta aos veciños de Pontevedra, dotándolles do hospital que a cidade "pide y necesita", deixando a Monte Carrasco "en el olvido".

Ambos sinalaron que estarán "expectantes" para que se manteña o carácter público do novo hospital, do mesmo xeito que o portavoz socialista, Agustín Fernández, que sinalou que "a música non nos disgusta, pero a letra aínda está por definirse". O líder do PSdeG-PSOE ve "fundamental" que se descartara Monte Carrasco e que a Xunta se dera conta de que "estaba equivocada".

Iso si, tanto Agustín Fernández como o alcalde de Pontevedra sinalaron que esperan que este cambio de postura non se deba unicamente á proximidade das eleccións autonómicas. "Cando se fai un anuncio así a seis meses das eleccións deben entender que poidamos desconfíar", apuntou o concelleiro socialista, que espera que a Xunta concrete canto antes os detalles do proxecto e o investimento que se fará nesta ampliación de Montecelo.

Arquivado en