A fenda dixital que sofren na actualidade moitos colectivos sociais de maior idade pola falta de coñecemento das novas tecnoloxías que se requiren para trámites do día a día será un pouco máis pequena en Marín a partir de agora. Un curso formativo axudará a estas persoas a realizar xestións básicas.
A Fundación Amigos de Galicia, en colaboración co Concello de Marín, organiza este curso, pensado para rachar coa fenda dixital de veciños e veciñas de máis de 65 anos que teñan un nivel de iniciación ao mundo da informática.
As clases desenvolveranse na Aula CeMit da Biblioteca Pública Vidal Pazos os venres 9, 16 e 23 de febreiro e o 1 de marzo, en horario de 10.00 a 12.30 horas e non precisan traer ningún tipo de material.
A formación centrarase en saber utilizar as máquinas de quendas de concellos e dos centros de saúde, como operar co caixeiro automático das entidades bancarias, como usar e sacarlle partido ao teléfono móbil e como desenvolverse coa App do Sergas.
As persoas interesadas poderán inscribirse no curso a través do correo electrónico alcaldia@concellodemarin.es e haberá un máximo de 15 prazas.
O día máximo para inscribirse será o mércores día 7 de febreiro.