Adestramos no ximnasio da Peregrina? Non, mellor imos cazar á pokeparada da Alameda

Pontevedra
20 de xullo 2016

A pokeparada situada ante o Pazo Provincial foi escenario este martes da primeira pokequedada da comunidade de Pokémon Go en Pontevedra, na que xa hai 261 xogadores en Twitter e 61 membros no grupo de Telegram. E crecendo

Mozos xogando a Pokémon Go nos arredores do pokeximnasio da Peregrina
Mozos xogando a Pokémon Go nos arredores do pokeximnasio da Peregrina / Mónica Patxot

O furor polo xogo para móbiles Pokémon Go non para de crecer en todo o mundo, e Pontevedra non queda atrás no aumento imparable de fans. Bo termómetro da extensión desta moda é a cantidade de persoas que se concentra móbil en man en zonas emblemáticas da cidade na que están establecidas pokeparadas para capturar pokémon ou ximnasios para adestralos ou loitar contra os equipos contrarios, pero tamén o crecemento da comunidade de Pokémon GO na provincia de Pontevedra, que este martes tivo na pokeparada situada ante o Pazo Provincial da avenida Montero Ríos a súa primeira quedada

Detrás desta convocatoria estivo Ángel, un mozo de 16 anos que abriu a conta da comunidade pontevedresa na rede social Twitter o 12 de xullo, antes mesmo de que o xogo estivese dispoñible para a súa descarga en España a través da App Store de Apple e a Play Store de Android. Despois chegou o grupo de Telegram creado para que os xogadores interactúen entre eles e este martes xa tiñan 261 seguidores en Twitter e 61 membros no grupo da aplicación telefónica. 

A pokequedada non foi multitudinaria, pero si serviu para sentar as bases desta comunidade e para pulsar o nivel de resposta dos seguridores. Tamén para comprobar que os membros desta comunidade son pontevedreses novos e menores de idade fronte a un perfil do usuario de Pokémon Go que supera con fartura esa idade. O grupo maioritario de xogadores adoitan ser mozos nados na década dos 80's e 90's aos que, ao nacer este xogo, entroulles a nostalxia por aquel videoxogo ou aqueles debuxos animados que causaron sensación na súa infancia e adolescencia. 

Pero Pokémon Go non é un videoxogo ao uso como aquel que fixo famoso a Pikachu e os seus amigos hai dúas décadas. "Esto nos hace salir de casa", relatan David e Carlos, dous mozos de 16 anos que responderon á pokequedada convocada a través da comunidade pontevedresa e que puideron comprobar que na última semana aumentou o número de mozos da súa idade que sae á rúa para xogar. No seu caso, aseguran que "salimos igual que antes, pero ahora aprovechamos cualquier excusa para cazar pokemon", pero son conscientes de que o feito de que a maior parte destes personaxes aparezan ao aire libre anima a saír a máis xogadores. "Cuando bajo a comprar el pan o tengo que hacer un recado, aprovecho y cazo algún pokemon" confesan, pois calquera hora do día ou lugar da cidade é bo para a 'caza'.

"Yo tengo 48". "Yo, 62". "Yo, 53", van relatando un a un os xogadores, que xa tiñan o xogo no seu móbil antes da súa chegada oficial a España e que pouco tempo despois da pokequedada levántanse e se moven. Non é que non estean interesados, é que o módulo cebo que instalaron nese punto da Alameda para atraer pokémon xa caducou -dura 30 minutos- e hai que saír a cazar. Ata a pokeparada foran chegando nos minutos previos persoas alleas á comunidade atraídas por ese módulo cebo como Manuel, de 26 anos, pero pouco agunta alí, quere aumentar os seus pokémon e alí xa non quedan. 

Pokémon Go é un xogo de realidade aumentada no que o mundo do videoxogo trasládase á vida real e iso provoca que xa moitos non consigan ver lugares emblemáticos da cidade sen asocialos aos personaxes de pokémon. Sobre todo os lugares máis emblemáticos porque este xogo que utiliza a localización do xogador a través de Google Maps fixou as súas paradas ou puntos de concentración de pokémon en fontes como a situada tras a igrexa da Peregrina, o Concello, o Pazo Provincial e outros puntos de interese nos que os turistas con cámaras de fotos conviven desde hai unha semana con xogadores cos seus móbiles. 

Os ximnasios nos que se adestra e disputan batallas tamén se situaron en puntos destacados como a glorieta de Compostela, a coñecida como fonte dos nenos; o Hospital Provincial; e, sobre todo, en igrexas. En todas as da cidade hai un destes gimansios, pero, a diferenza do que ocorre noutros lugares do mundo, en Pontevedra os xogadores respectan o interior dos templos e só xogan nos seus arredores. 

Pokémon Go é aínda un xogo tan recente que apenas hai documentación e guías sobe como xogar, situación que motiva que moitos dos xogadores interactúen con persoas ás que non coñecen, pero que ven xogando co seu móbil en pokeparadas ou pokegimnasios para compartir experiencias e trucos. Outros xa aproveitan tamén que quedan para saír cos seus amigos e establecen como lugar de encontro uno destes puntos destacados do xogo e, mentres esperan, cazan ou adestran. É o caso de Borja, un mozo de 26 anos que agarda aos seus colegas detrás da igrexa da Peregrina e destaca que  "un punto a favor de esta aplicación es que sales a la calle".

Dentro das casas e en lugares pechados aparecen pokémon, pero moitos menos que cando o escenario no que se conecta a aplicación é a rúa e, ademais, a cantidade de quilómetros que o xogador camiñe coa aplicación acesa é importante porque axuda, por exemplo, a incubar ovos de pokemon e que poidan nacer, de modo que os xogadores destacan como unha das bondades do xogo que xa non se xoga en solitario no salón de casa. Pero Pokémon Go tanto ten virtudes como defectos e un é que obriga a ter aberta a aplicación, o GPS e a cámara do móbil, de modo que "funde las baterías". Borja, por exemplo, xa non sae de casa sen unha batería complementaria.