ADEGA, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, presentaba nas últimas horas un contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a autorización concedida pola Xunta ao parque eólico denominado 'Campo das Rosas', que levará a cabo a empresa Naturgy entre os municipios de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada.
O grupo ecoloxista, que desenvolve a campaña Ti podes paralos, considera que esta instalación afecta a unha das poboacións máis importantes da Península Ibérica do fento Lycopodiella inundata. ADEGA lembra que tamén influirá nos cabalos de Rápaa de Sabucedo e acusa á Xunta de Galicia de ignorar a presenza de hábitats prioritarios como as turbeiras acedas de esfagnos e especies en perigo de extinción como o licopodio das brañas.
Consideran que non se avaliaron correctamente os impactos das obras e instalacións sobre estes elementos destacables do patrimonio natural. Especifican tamén que nin no Estudo de Impacto Ambiental, presentado pola empresa, nin tampouco na Declaración de Impacto Ambiental favorable, que emitiu a Xunta, facían referencia aos hábitats de turbeiras acedas.
Sinalan que a infraestrutura prevista terá repercusión no fluxo natural de auga causando unha importante alteración do réxime hídrico e modificará tamén a estrutura do chan.
Indican que a área ocupada polo parque eólico afectará a oito localizacións con presenza de licopodio das brañas, sempre asociadas a áreas turbosas. Explican que se trata de poboacións dispersas pero localmente densas en ocasións e en bo estado de conservación, formando unha das poboacións máis importantes da Península Ibérica. Lembran que esta especie se presenta en zonas montañosas e permanece ameazada pola perda global de hábitat, ao estar asociada a turbas de montaña, un elemento en regresión debido ao cambio climático e as alteracións antrópicas.
A asociación, ante o perigo que supón, solicita medidas cautelares coa suspensión das autorizacións concedidas pola Xunta para a execución deste parque.