'Pontevedresa, licenciada en Dereito, especialista en violencia de xénero, activista e formadora en grupos de apoio para persoas transxénero e familiares'. Así a presentaba PontevedraViva e PontevedraViva Radio o verán do ano pasado no Cara a cara a Ada Otero Huertas.
Agora, ademais, hai que engadir que é a primeira persoa transexual que nesta capital, e mesmo en Galicia, forma parte dunha candidatura para as próximas eleccións municipais de maio. Faino como independente na lista do PSdG-PSOE que encabeza Tino Fernández. O lugar concreto coñecerase o vindeiro xoves día 7 cando a agrupación reunirase para conformar a lista definitiva.
Naquela ocasión estaba inmersa en poñer en marcha a plataforma Género Diverso e a representación da Asociación Avante en Pontevedra. Ambas xa son realidade e desde elas traballa para achegar información, apoio e visibilidade ao colectivo LGTBI. Foi unha decisión máis que meditada. O seu "Consello" asesor coincidía en que debía dar o paso. E así o acaba de facer pese ao que é desde hai un tempo o seu gran medo, perder o anonimato. "Queiras ou non van xulgar todo. E aínda que eu sexa unha persoa individual, vanme xulgar como colectivo e nese sentido é unha responsabilidade".
Entra en política co precedente de ser pioneira, aínda que a este precedente non lle quere poñer o seu nome porque "non mo plantexo como a primeira. Realmente hai tan poucos referentes que é case imposible non ser a primeira en algo sendo trans. Cando comecei a facer acompañamento a persoas que estaban neste proceso deime conta que podía axudar a outras e que teño unha fortaleza que me permite facelo. É unha situación moi difícil e fan falta moitas ferramentas para enfrontalas; cando vin que podía axudalas, tomeino case como unha responsabilidade. Igual chega un momento en que se acaba, pero agora síntome con forzas para facer este tipo de cousas".
Ada Otero, con 29 anos, segue dando pasos que con todo son zancadas; así que se lle preguntas veste ocupando un asento na corporación?, respóndeche: "ao longo da miña vida fixen tantas cousas que non me cría que faría que agora mesmo digo que calquera cousa se pode facer. Mentres non sexan matemáticas... - di con moito humor -, creo que é posible".
En 2017 o debate da primeira lei estatal de dereitos LGTBI e a campaña 'Os nenos teñen pene, as nenas teñen vulva' de HazteOir, pillárona "en plena transición. Aquel momento no que me estaba a plantexar fágoo ou non, por medo á sociedade, e te atopas con ese autobús que directamente che di, non es benvida... Ante esas cousas vexo moita boa intención, vontade e iso é un cambio importante, ganas de facer cousas".
VISIBILIZACIÓN
O contacto entre Ada e o PSdG produciuse hai xa un tempo. Primeiro para impartir unha charla, logo para facer achegas en materia de igualdade e trasladalas ao Parlamento galego. Finalmente chegou o momento en que "me dixeron que estaban interesados en darme voz, e sobre todo, voz propia; porque se pode falar moito de nós pero sen ser nós as que falamos". O obxectivo da súa presenza política teno meridianamente claro: "o feminismo, o colectivo LGTBI e especialmente visibilización trans que é o que represento e que vexo que máis axuda necesita".
Podería ser outro partido?, a súa resposta é que "hai outros partidos cos que me podo reunir e dialogar. De feito reuninme en ocasións con partidos que me chamaron e contaron comigo; non se se por imaxe ou por interese, pero obviamente o que me interesan son as medidas. É como iso de teño un amigo gai por tanto non son homófobo. Neste caso, teño un candidato LGTBI pero logo obstaculizo calquera medida a favor do colectivo; loxicamente aí non participaría, a falar todo o que quixese, agora ir en listas, aínda que fose independente, non".
E que contido ha de ter o programa político que vai representar? Ata onde lle avanzaron "vai ser un proxecto moi social que dá voz a colectivos que necesitan comunicar unha mensaxe que se cadra na narrativa xeral non se escoita. Habería que incluír visibilización, formación e que polo menos haxa unha institución, un partido, quen sexa, que che apoie e demostre que es benvido. Isto é moi reconfortante para calquera persoa LGTBI".
8M E FEMINISMO
Circunstancialmente ou non, o seu nome transcende na semana en que se celebra o Día Internacional da Muller. Reitera a súa defensa feminista, xa que desde certos sectores feministas e femininos rexéitase á muller trans.
"Hai un discurso reaccionario no feminismo. Mulleres que, por descoñecemento, non só non nos consideran aliadas senón que nos consideran inimigas. Son muller e feminista. É necesario que quede claro que tamén se reivindica á muller trans e que se diga, porque se non se di non se sabe. É importante que nos manifestos, no feminismo e no 8M téñase en conta ás persoas trans, que haxa un camiño interseccional". Palabra de muller.