Os ánimos dos afectados por preferentes e subordinadas estaban, este xoves, de novo moi encendidos. O Congreso dos Deputados convalidou , co voto a favor de PP, CIU, UPN e Foro Asturias, o decreto lei que aproba as quítas aos propietarios destes produtos tóxicos, un 43% do diñeiro investido no caso de Novagalicia Banco. Un respaldo que os afectados entenden como "unha traizón a Galicia".
Así o expresaron, nunha nova mobilización polas rúas de Pontevedra, os afectados das Plataformas de Marín, Pontevedra e O Salnés. De novo, o obxectivo das súas iras foron algunhas das sucursais máis céntricas de Novagalicia Banco, aínda que o percorrido tivo un final inédito, a sede provincial do Partido Popular na avenida Raíña Vitoria. Aos seus quince deputados galegos acúsanos de "legalizar unha estafa e un roubo".
Segundo a portavoz da plataforma, Rosana Prado, "non é que queiramos ir contra deles, pero tendo 15 deputados galegos que nos podían defender e votar en contra para axudar a que os galegos non perdamos os nosos aforros votaron a favor". Algo que para eles, di, "é toda unha traizón porque convenceron a moita xente para que os votasen decíndolles que ían solucionar este tema e agora legalizan este roubo, é indignante".
E o que máis lles molesta é que "hacia nós e cara a galería nos mostran o seu apoio e toda a boa vontade do mundo, nos din que están moi preocupados, pero cando teñen a oportunidade de axudarnos e votar en contra da quita, fan todo o contrario". Por iso é polo que anuncien que, precisamente contra eles, dirixiranse as próximas mobilizacións. Aínda que descartan os escraches "porque os familiares dos políticos non teñen a culpa disto".
Darán un paso máis nas súas protestas porque reiteran que levan máis dun mes sen recibir unha carta para a arbitraxe, mentres que outras plataformas "máis guerrilleiras que nós", reciben ata 60 mensuais. "Se é porque fan máis presión, pois a partir de agora o imos a facer".
APOIO DOS CONCELLOS DE PONTEVEDRA, MARIN E POIO
Dentro destas campañas de protestas mañá os afectados recibirán un apoio expreso dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio. Segundo adiantou esta plataforma, os tres alcaldes lerán un manifesto de solidariedade cos afectados ás 11.43 da mañá. Non se trata dunha hora calquera, xa que con ela queren simbolizar a súa protesta ante a quita do 43% que sufrirán os clientes de Novagalicia Banco.
Ademais, estudan pechar as portas dos concellos, trala lectura destes comunicados, durante quince minutos, aínda que ese extremo aínda non foi confirmado polos respectivos concellos, polo menos no caso de Pontevedra.