Acusan a Monbús de provocar unha "situación de caos e incerteza" na ruta ao instituto de Poio

Poio
21 de setembro 2023
Actualizado: 18:09

Dende o Bloque solicitan ao goberno local "que non sexa cómplice da Xunta" e inste á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a empresa "a que aumente o servizo de liñas de transporte integrado co fin de dar resposta ao alumnado que cursa Bacharelato"

Autobús da empresa Monbús
Autobús da empresa Monbús / PP de Poio

A voceira do grupo municipal do BNG no Concello de Poio, Marga Caldas, acusa á empresa de transporte Monbús de provocar unha "situación de caos e incerteza" na ruta ao Instituto de Educación Secundaria (IES) de Poio.

Dende o Bloque solicitan ao goberno local "que non sexa cómplice da Xunta" e inste á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a empresa "a que aumente o servizo de liñas de transporte integrado co fin de dar resposta ao alumnado que cursa Bacharelato".

Marga Caldas asegura que "o caos e a improvisación provocados polos recortes das liñas de transporte da empresa adxudicataria da Xunta de Galiza esta a causar prexuízos entre a veciñanza". 

Xa o ano pasado o BNG de Poio denunciou "irregularidades" de Monbus, respecto do "abandono" de alumnos de ensinanza obrigatoria nas paradas establecidas.

Este ano, Marga Caldas lamenta que "lonxe de mellorar a situación, continúan as deficiencias no servizo de trasporte integrado", neste caso provocando que o alumnado de Bacharelato non poida dispor dun servizo diario para desprazarse ao seu centro educativo de maneira autónoma. "Converténdose o seu desprazamento nunha lotaría cada mañá, porque vai depender da parada ou da capacidade do autobús", explica a voceira nacionalista.

O Bloque sinala que esta situación "encarece a calidade do servizo, causa situacións de caos e incomodidade e incluso tensións entre os usuarios". Asemade tamén sobrecarga o autobús tendo que ir alumnos de pé ou sentados fóra do asento, como manifestan as persoas usuarias. 

Por iso dende o BNG de Poio, esixen que se garanta o cumprimento dos traxectos establecidos para o alumnado da ESO, e que se tomen medidas inmediatas a para reforzar as rutas máis concorridas, para que tamén o alumnado de Bacharelato poida acceder ao transporte.

Ademáis, o BNG solicita ao goberno local que ordene á Policía Local a realizar os controis periódicos nos traxectos escolares para detectar posibles irregularidades e garantir que a empresa cumpra as condicións esixidas. 

RESPOSTA DA XUNTA

A Xunta lamentou a actitude do grupo municipal do BNG de Poio de "tratar de xerar confusión e alarma" en relación aos servizos de transporte que se están a prestar nese municipio.

Dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aseguran que "a voceira municipal do BNG, nun claro exercicio de demagoxia, mestura nas súas declaracións o transporte dos alumnos de ensinanza obrigatoria, con dereito a transporte escolar e, polo tanto, que teñen garantida a praza a través de reserva, cos alumnos de Bacharelato a FP, que sen ter reserva de praza, poden viaxar gratuitamente nos autobuses da Xunta empregando a tarxeta Xente Nova". En Poio, son 840 os mozos menores de 21 anos que dispoñen deste dispositivo para viaxar de balde no autobús da Xunta.

A Dirección Xeral de Mobilidade afirma non ter constancia de ningunha queixasobre o servizo de transporte escolar compartido que está a prestar nestes momentos e, con carácter previo ao inicio do curso escolar, vén realizando labores de coordinación coa operadora dos servizos e co centro escolar. Engaden que "o diálogo que a Xunta mantén co IES de Poio é continuo", no marco do seguimento que vén realizando a Xunta da prestación dos servizos de transporte escolar compartido.

Por último, a resposta da Xunta engade que "sorprenden as afirmacións da voceira do BNG cando o propio centro escolar, o pasado 11 de setembro, coincidindo co inicio do curso, remitía un escrito trasladando as felicitacións por como se tiña organizado o transporte, que cualificaba de “exemplar”, xa que os autobuses estaban "esperando, preparados e perfectamente identificados". Sorprende, ademais, o descoñecemento do BNG do regulamento de circulación, que si permite o transporte de persoas de pé nos autobuses autorizados, como así se recolle na propia ficha técnica deses vehículos".