Acuña completa a súa segunda colleita en Lalín cun rendemento de 8.540 quilos de trigo autóctono

Pontevedra
20 de agosto 2024

Este mes de agosto, na plantación que Panadería Acuña ten no lugar de Galegos (Lalín) acaba de concluír a segunda colleita de trigo autóctono variedade Caaveiro, cun rendemento de 8.540 quilos de cereal

Segunda colleita na plantación de Panadería Acuña en Lalín / Panadería Acuña

Chegan boas novas dende terras do Deza para Panadería Acuña.

Este mes de agosto, na plantación que a firma pontevedresa ten no lugar de Galegos (Lalín) acaba de concluír a segunda colleita de trigo autóctono variedade Caaveiro.

A sementeira realizábase en febreiro e, seis meses despois, os resultados son moi satisfactorios.

En total, obtívose un rendemento de 8.540 quilos de cereal.

A principios deste ano, a empresa capitaneada polos curmáns Andrés e Jacobo Acuña daba un paso adiante nesta plantación experimental ampliando nunha hectárea máis o terreo cultivable.

Da man do produtor local Miguel Pampín pasábase de tres a catro hectáreas de cultivo de trigo Caaveiro 100% galego en terras lalinenses.

Tamén se optou por enriquecer o terreo con fertilizante verde a base de plantas, co que se asegura a sustentabilidade do cultivo.

O pasado ano, a primeira colleita tamén obtivo uns resultados moi positivos, que apoiaban a viabilidade do proxecto de recuperación do trigo autóctono.

Con estes bos antecedentes, para o ano 2024 as expectativas eran altas. Con todo, un elemento que coñecen moi ben as xentes do campo, a climatoloxía, xerou moita incerteza.

"Este ano foi moi complicado, estivo a chover todo o inverno e case toda a primavera, ata maio. A planta de trigo sufriu moitísimo. Nun primeiro momento vimos que non desenvolvía, non sabiamos que ía suceder ata que no mes de xuño empezou a prender a planta", explica Andrés Acuña.

O obxectivo era alcadar os 10.000 quilos de trigo, unha marca que esperan lograr en próximas colleitas. "Estamos moi satisfeitos", asegura Acuña.

A experiencia destes dous anos demostrou que o trigo autóctono é especialmente resiliente e confirma que plantacións como a de Acuña en Lalín son o mellor exemplo do potencial de Galicia para producir cereal.

Tamén o consumidor aprecia que haxa empresas apostando polos produtosQuilómetro Cero e artesáns, un valor diferencial que xa é marca da casa de Panadería Acuña.