Acuaes licita o proxecto de ampliación da EDAR de Sanxenxo e o saneamento de Raxó

Poio
24 de xullo 2019

Con esta actuación, acordada por esta sociedade dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica e os concellos de Poio e Sanxenxo, preténdese solucionar de maneira definitiva o problema de calidade da auga que desde hai anos sofre a ría de Pontevedra

Obras de Acuaes en Pontevedra
Obras de Acuaes en Pontevedra

O consello de administración de Aguas de las Cuencas de España (Acuaes) acordou a licitación por 584.666 euros do contrato para a elaboración do estudo de alternativas, os estudos ambientais e a redacción do proxecto de mellora da depuradora de Sanxenxo e o saneamento de Raxó.

Con esta actuación, acordada por esta sociedade dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica e os concellos de Poio e Sanxenxo, preténdese solucionar de maneira definitiva o problema de calidade da auga que desde hai anos sofre a ría de Pontevedra.

Este asunto, lembran desde o ministerio, foi obxecto de continuas queixas por parte da Unión Europea e dos colectivos afectados.

O proxecto supoñerá un investimento total de 24 millóns de euros e desenvolverase en dúas fases. 

Na primeira, ampliarase a estación depuradora de Paxariñas (Sanxenxo), realizaranse as obras dun tanque de tormentas e bombeo en Raxó e procederase ao acondicionamento dos colectores e bombeos existentes na liña de costa de Sanxenxo.

Nunha segunda fase, segundo recolle o acordo, completaranse os tanques de tormentas e melloraranse os alivios non incluídos na primeira fase.

A ampliación da depuradora de Sanxenxo permitirá que, unha vez entre en funcionamento, poida tratar as augas residuais dunha poboación de 80.000 habitantes.

A actuación, declarada de Interese Xeral do Estado en 2018, está previsto que sexa cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER 2014-2020, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España.