Unha actualización dixital mellorará a atención dos servizos sociais

Pontevedra
02 de decembro 2024

A aplicación permite visualizar en tempo real o estado de tramitación de expedientes e a súa urxencia; ademais xera alertas sobre posibles riscos das persoas usuarias

Casa Azul, espazo de actividades de Benestar Social
Casa Azul, espazo de actividades de Benestar Social / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra vén de actualizar a aplicación XIESS (Xestión Integral de Expedientes de Servizos Sociais), unha innovadora ferramenta que permitirá detectar as zonas "quentes" do municipio en canto a necesidades sociais e mellorar a planificación dos recursos dispoñibles.

A nova versión da aplicación xa está plenamente operativa tras dúas semanas de probas.

Esta app facilita ao persoal dos servizos sociais municipais o acceso directo á historia social única electrónica dos usuarios, permitindo unha xestión máis áxil e eficiente dos expedientes sociais básicos.

Entre as principais novidades destaca a posibilidade de visualizar en tempo real o estado de tramitación dos expedientes e a súa urxencia, así como a xeración de alertas sobre posibles riscos dos usuarios.

A ferramenta permite tamén elaborar unha diagnose social detallada do municipio, fundamental para deseñar estratexias de intervención tanto individuais como comunitarias.

"Esta actualización supón un importante avance na xestión dos servizos sociais municipais", sinalan dende a Concellería de Benestar Social.

O servizo está integrado por un equipo de profesionais integrado por nove traballadoras sociais, responsables do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), do programa de Dependencia, do Plan de Inclusión e da atención a persoas sen teito, entre outros.

A aplicación XIESS facilita a recollida exhaustiva de datos persoais, familiares, sanitarios e da contorna social das persoas usuarias, información que resulta crucial para a posterior coordinación con outras administracións e para a mellora das prestacións sociais no municipio.